CIG-TIC denuncia o emprego abusivo e continuado de ETT e a precariedade no sector

Inicia o día 30, ás 17:00h unha campaña de mobilizacións en Iman Temporing no polígono Costa vella
Compostela - 22 Xan 2020

A CIG-TIC vén de pór en marcha unha campaña contra a precariedade no sector en xeral e contra as ETTs en particular, con concentracións diante de Empresas de Traballo temporal que operan no sector para denunciar as prácticas lesivas cos dereitos dos cadros de persoal. A primeira concentración terá lugar diante da sede da ETT Iman Temporing, no polígono compostelá da Costa Vella.

Entre outras denuncian que hai traballadoras e traballadores que quedan sen vacacións logo de traballar 12 meses de xeito continuado ou que se están a producir despedimentos de persoal mentres está de baixa. Xunto a isto afirman que hai un “absoluto desprezo pola conciliación persoal e familiar” e que mesmo se dan casos de chamadas a traballadoras e traballadores para incorporarse a un posto de traballo con 24 horas ou menos de antelación.

Consideran que o emprego “abusivo e continuado” das ETTs e a precariedade derivada é a que fai que este sector deixe de ser atractivo para os e as profesionais recentemente tituladas e, moito máis aínda, para as traballadoras e traballadores que contan con certa experiencia.

A CIG-TIC entende que por iso, diariamente, persoal deste sector abandona Galiza ou pasa a realizar o seu traballo de forma remota para empresas foráneas e que isto é o que explica a falta de profesionais para cubrir postos de traballo -1.500 segundo o Clúster TIC-.

Prexuízo ao sector

A CIG-TIC alerta dos prexuízos que estas prácticas xeran no sector malia as empresas ser coñecedoras da precariedade laboral e da “inherente mingua de calidade que provoca inestabilidade dos cadros de persoal e obriga a que postos en proxectos importantes non estean cubertos vía ETT”. Unha situación que, segundo denuncian, non debería permitir a Xunta de Galiza, que tería que garantir condicións dignas en todos os concursos públicos e que “a día de hoxe non nos consta que o faga”.

Campaña

Coa campaña posta en marcha, a CIG-TIC quere demandar o remate dos contratos de ETTs nas empresas do sector, substituíndo o seu emprego por traballadores e traballadores nos cadros de persoal das distintas empresas TIC do país.

Advirten ademais de que vixiarán que as prácticas deste tipo de empresas non lesionen os dereitos das e dos profesionais do sector e anuncian que denunciarán activamente calquera situación, mobilizando ao conxunto do persoal para a efectiva defensa dos seus dereitos.

Cada isto demanda da Xunta de Galiza e dos demais poderes públicos que “calquera tipo de contrato ou oferta pública de prestación de servizos informáticos esixa que o emprego que desenvolva servizos públicos á cidadanía non poida ser realizado a través de Empresas de Traballo Temporal”.