CIG, STAJ, USO e CUT manterán a folga de Xustiza até acadar un acordo
Os sindicatos CIG, SPJ-USO, AXG-CUT e STAJ, membros do comité de folga da Xustiza, e con maioría no mesmo, celebraron ao longo da xornada deste mércores, unha xuntanza tras da que veñen de emitir un comunicado no que aclaran que:
- A folga continúa até acadar un acordo que permita rematar o conflito.
- Os resultados das votacións do principio de acordo levado ás asembleas por 4 sindicatos deixou moi claro que as traballadoras e traballadores da Xustiza Galega non consideran que este texto remate con conflito na Xustiza.
- Non só queda reconstruída a unidade sindical SPJ-USO, AXG-CUT, STAJ e CIG, senón que queda establecida unha nova maioría sindical, instando ao resto de sindicatos a que se adhiran a esta maioría.
Xuntanza das organizacións sindicais
O pasado luns día 30 de abril, CIG, STAJ e CUT anunciaban en rolda de prensa o rexistro dunha nova solicitude de nova xuntanza coa a administración para este mércores. Xuntanza á que o goberno galego non se presentou porque, segundo Rueda a convocatoria non era do comité de folga.
O representante da CIG no comité de folga, Oscar Freixedo, explica que porén, si foron recibidos por un amplo dispositivo policial que lles impediu achegarse sequera ao edificio da EGAP. “Dixéronos que non podíamos nin entrar agora nin en todo o día e que era por razón de seguridade”.
Posteriormente, as organizacións sindicais tiñan prevista unha xuntanza “para retomar a unidade de acción sindical que foi grazas ao que tivemos este seguimento da folga e de chegar a onde chegamos para reclamar o que desde o minuto cero demandan as traballadoras e traballadores e hoxe en día seguen a reclamar”.
Lembra que as votacións do “Non”, non só foron resposta “á traizón” senón tamén resposta á ruptura da unidade de acción. Por iso considera que “USO entendeu que así debía ser” e que por iso participou nesta xuntanza para reconducir a situación.
Ademais deste comunicado, as organizacións sindicais acordaron instar á Xunta a unha nova reunión para negociar aqueles puntos que quedaron pendentes e que levaron a rexeitar o preacordo.
A este respecto Freixedo subliña que esa instancia, que non fixa unha data concreta, vai remitida pola maioría do comité de folga e polas organizacións que ostentan tamén a maioría na mesa sectorial de Xustiza.
Convocatoria a todas as centrais sindicais
Xunto a isto tamén decidiron convocar ao resto das forzas sindicais integrantes do comité de folga para continuar coa xuntanza inciada hoxe, na sede da CIG, ás 11:00 horas, para tratar de acadr a maior unidade sindical posible que permita poder rematar o conflito.