CIG-Servizos urxe actuacións do concello de Santiago para resolver o problema dos centros socioculturais

Alerta da marcha inminente da concesionaria, Serviplus, que deixaría ás 70 traballadoras e traballadores na rúa
Compostela - 08 Nov 2024

A CIG-Servizos reclama a actuación urxente do concello de Santiago, diante da inminente marcha da empresa concesionaria dos centros socioculturais composteláns, que deixaría a 70 traballadoras e traballadores na rúa. Demanda ademais unha penalización ao xefe de servizo ao que responsabiliza da situación na que se atopa a Rede de Centros.

No ano 2021 o PSOE de Compostela licitaba os novos pregos para a Rede de Centros Socioculturais. Segundo afirma a CIG-Servizos, “o concelleiro Javier Fernández e o Xefe do Servizo Enrique Naveira elaboraron, asinaron e publicaron uns pregos defectuosos, con erros principalmente de cálculo económico”.

Diante disto, en 2022 o persoal do servizo vai á folga para protestar por esta situación e transcorridas unhas semanas de folga, o concelleiro viuse obrigado a dimitir. “Non así o xefe técnico da Rede de Centros, a quen non se lle pediu ningún tipo de responsabilidade e segue, a día de hoxe, empeorando o servizo”, lembra a CIG-Servizos.

Sufrindo as consecuencias

Denuncian que por mor diso, a novembro de 2024, o persoal segue sufrindo as consecuencias destes pregos “ante a pasividade da actual Cámara Municipal, despois de ter mantidas varias xuntanzas con eles informándolle da situación”.

A empresa Serviplus, que leva desde o 2022 xestionando o funcionamento dos lotes de Animación e Novas Tecnoloxías, con case 70 traballadoras e traballadores ao seu cargo. Pero afirman que “despois dun ano de xuntanzas improdutivas co concello, vén de solicitar unha extinción inmediata do contrato”.

Problemas co pagamento das nóminas

Consideran que é a súa inestabilidade económica non lle permite facer fronte ó que resta de contrato, en prórroga ata xuño do 2025. Tal é así, que “é a primeira vez en 20 anos de funcionamento do servizo que o persoal ten problemas co pago de nóminas. Recibidas por acordo antes do día 5 de cada mes, neste caso as nóminas chegan o día 8 de novembro”, afirman.

Explican que segundo a empresa, Serviplus depende de varios pagamentos para facer os ingresos pertinentes, “o que nos deixa constancia da necesidade da súa petición de extinción”.

O persoal denuncia que nunha situación de precariedade laboral, con grandes desprazamentos principalmente entre os centros do rural, onde os salarios son fundamentais para pagar desprazamentos, “esta tardanza dificulta enormemente que o persoal poida achegarse ós seus postos de traballo”. Pero explican que de non asistir, “poderán ser sancionados e incluso despedidos”.

O persoal amosa a súa grande preocupación porque se a empresa Serviplus marcha do servizo deixando ao persoal na rúa, “perderán todos os seus dereitos adquiridos nos últimos 20 anos de servizo: antigüidade e dereito á subrogación, entre outros.

Por iso pregúntanse por que o concello non fixo nada até o de agora con toda a información que a parte social lle proporcionou. Mais tamén por que non se penalizou a un xefe de servizo “que lapidou e segue lapidando a Rede de Centros Socioculturais sen ningún tipo de control”.

Por iso reclaman unha solución a este impago de nóminas, que pode volver a darse nun futuro nos seguintes meses, e para o persoal que, diante da marcha da empresa, perdería  o dereito a subrogación. Considéranse abandonados, mais non só eles e elas, senón tamén a veciñanza que ten actividades programas sen que se saiba que vai pasar con elas.