CIG-Servizos reclámalle ao Concello de Carral que garanta os dereitos das traballadoras na licitación do contrato do SAF
A CIG-Servizos reclámalle ao Concello de Carral que teña en conta os dereitos laborais das traballadoras do Servizo de Axuda no Fogar na licitación do novo contrato e que se garanta que a empresa adxudicataria cumprirá con todas as obrigas recollidas no convenio colectivo de aplicación. A central incide en que a administración municipal non pode primar os criterios de aforro nun servizo tan fundamental para ducias de veciños e veciñas como a axuda no fogar.
Este 5 de novembro facíase pública a acta da mesa de contratación na que propón ao órgano de contratación a adxudicación do SAF á empresa Azvase SL ( B33228396). Pero nesta acta, nos criterios de avaliación referidos ao cadro de persoal, "atopámonos cunha serie de perigos para as persoas traballadoras que temos que denunciar", subliña Rubén Duruelo, da CIG-Servizos da Coruña.
Así, explica que no referido á xestión de transición e posta en marcha, xa se recoñece que esta empresa non se axusta ao estabelecido na relación de postos de traballo nin ao convenio de aplicación.
En canto á bolsa de traballo, a empresa proposta para a adxudicación non aclara se vai cumprir cos tempos de descansos entre xornadas, e a propia mesa de contratación observa dúbidas sobre as entidades coas que vai nutrir esta bolsa de traballo.
A empresa Azvase SL propón sistemas de prestación do servizo en fin de semana sen concretar como se van respectar os descansos de obrigado cumprimento, ademais de non definir ningún sistema no relacionado co persoal profesional de coordinación. Xunto a isto, non presenta sistemas fiábeis de localización do persoal de coordinación, sen garantir nin sequera para este persoal os descansos regulado pola lei.
Por todo isto, a CIG-Servizos da Coruña quere advertir publicamente do risco de adxudicar concesións de servizos tan fundamentais e importantes como o SAF, "a empresas que non teñen ningún respecto polas persoas traballadoras esenciais, nin polos seus dereitos laborais". E neste sentido, reclámalle ao Concello de Carral "cordura" e que se primen os dereitos das traballadoras e das persoas usuarias sobre o aforro e o beneficio empresarial.