Esixen ao Concello de Miño que actúe ante os reiterados incumprimentos da empresa de axuda a domicilio
Diante dos reiterados incumprimentos laborais da empresa que presta o servizo de axuda a domicilio no Concello de Miño, a CIG-Servizos reclama que adopte de inmediato medidas sancionadoras contra a compañía e que se licite o novo concurso, tendo en conta as medidas sociais propostas dende a representación do persoal.
O servizo de axuda a domicilio do Concello de Miño, explica a CIG-Servizos de Ferrol, préstao a empresa Servizos Sociais Virxe do Carme S.L, a xeito de prórroga, xa que a concesión administrativa rematou hai case un ano. Porén, a empresa está a incumprir sistematicamente o establecido no convenio colectivo de axuda a domicilio de Galiza, pois non se respecta o descanso diario, nin semanal, non se abona o tempo de desprazamentos, moitas traballadoras teñen xornadas de escasas horas semanais, etc. Todas estas cuestións xa foron postas en coñecemento da Inspección de Traballo, que sancionou a empresa por estes incumprimentos.
Ademais, diante deste panorama, a CIG e as traballadoras mantiveron diversas xuntanzas co alcalde de Miño, nas que este se comprometeu a que faría cumprir a lei, pois non hai que perder de vista que este "é un servizo público pagado cos impostos da cidadanía e polo tanto a Administración debe velar para que o servizo se preste en boas condicións para os usuarios e usuarias e para o persoal que o realiza".
Neste senso, a CIG e as traballadoras propuxéronlle ao Concello a introdución de medidas sociais nos pregos, que favorezan que sexan as empresas cumpridoras as que presten o servizo, "pero a día de hoxe non temos constancia de que se vaian ter en conta ditas propostas".
Non se adoptan medidas sancionadoras nin se tramita o concurso
O Concello, a pesar de existir sobradas razóns, "non está a tomar ningún tipo de medida contra a empresa para obrigala a respectar os dereitos das traballadoras e cumprir co servizo. Nin se adoptan medidas nin se tramitado un concurso novo, algo ao que se comprometeu tamén o alcalde", explican dende a CIG-Servizos.
Por iso, esixen do Concello de Miño que adopte medidas sancionadoras contra a empresa Virxe do Carme, pois incumpre os pregos de xeito sistemático ao non respectar a lexislación laboral. De igual xeito a central esixe a saída inmediata a concurso do servizo de axuda a domicilio, tendo en conta as medidas sociais propostas por parte da representación sindical da CIG. "Non entendemos que escuros intereses provocan a inacción do Goberno municipal contra desta empresa e o mantemento da prórroga do servizo por un tempo máis longo do razoábel", enganden.
No caso de que o Concello non actúe con prontitude, o persoal do servizo de axuda a domicilio emprenderá aquelas medidas de presión que considere oportunas na defensa das súas condicións laborais e do cumprimento da legalidade vixente.