CIG-Servizos trasládalle unha proposta á Deputación de Lugo para mellorar as condicións salariais do persoal de seguridade
A CIG-Servizos rexistrou na Deputación de Lugo unha proposta de melloras para o contrato de seguridade privada das distintas dependencias do ente provincial e rematar coa precariedade e a discriminación salarial que padece o persoal en función da instalación na que desenvolva o seu traballo.
O contrato de seguridade conforma un mesmo contrato para todas as instalacións da Deputación: Fogar de Santa María, Pazo dos Deportes, Museo Provincial, Pazo de San Marcos -Pazo Provincial- e Pazo de Tor.
Nos pregos de condicións técnicas e administrativas inclúese un complemento salarial para os traballadores e traballadoras de seguridade que desenvolvan o seu traballo no Pazo Provincial de 375,14€ (co IPC a día de hoxe ascende aos 413,56€). O persoal do Pazo de San Marcos ten consolidade este plus ademais dunha mellora voluntaria de 34,74€. Porén os traballadores e traballadoras de seguridade que desempeñan a súa actividade no resto de dependencias provinciais, aínda que pertencen ao mesmo contrato, só cobran a mellora voluntaria de 34,74€.
Os e as vixiantes que desenvolven o seu traballo nestes servizos da Deputación Provincial de Lugo realizan todas as funcións que lles permite a Lei de Seguridade Privada e o seu regulamento. "A maiores, subliña Xosé Paz, da CIG-Servizos, por deferencia, todos/as contestan chamadas telefónicas nos centros onde están cando non hai persoal funcionario nas distintas dependencias".
Destaca que as administracións públicas teñen a obriga de evitar a precariedade laboral das persoas que traballan subcontratadas "e máis aínda a discriminación salarial por facer o mesmo traballo, respectando o principio de igualdade retributiva: a igual traballo igual salario". Por iso, Paz reitera que a "Deputación Provincial ten a obriga de impedir a discriminación salarial das traballadoras e traballadores que desenvolven a súa actividade nas súas instalacións".
Con tal obxectivo, a central sindical remitiu escrito á Deputación para se teñan en conta estas cuestións e se adopte o acordo de incluír o complemento salarial de 375,14€ (413.56€ con actualización ao IPC) para todos os traballadores e traballadoras do servizo de seguridade privada, sen distinción da dependencia na que desenvolvan a súa actividade "para mellorar así as condicións salariais e laborais do persoal sen xerar discriminacións".