A CIG-Servizos exíxelle ao Concello da Coruña que aclare que vai pasar co persoal do IMCE adscrito a Ilunion
Despois das declaracións realizadas no pleno a respecto das pretensións do Goberno local de facer persoal municipal as traballadoras e traballadores do IMCE que neste momento prestan servizos baixo a contrata de Ilunion, a CIG-Servizos reclama información concreta e que se inicie o camiño para a remunicipalización do persoal subcontratado de dito organismo.
Dende hai máis de 30 anos, as persoas traballadoras do IMCE sofren o paso de empresa tras empresa privada sen que os Gobernos locais tomaran ningunha medida para mellorar as condicións laborais e que este colectivo laboral deixara de estar a expensas de compañías que antepoñen o seu beneficio ao servizo público. De feito, algunha das adxudicatarias estivo envolta en casos de corrupción, como a famosa "Operación Pokemon".
Para a CIG-Servizos "non é de recibo que traballadores e traballadoras que levan máis de 20 anos prestando o seu servizo a toda a cidadanía en espazos como o Fórum Metropolitano ou o Teatro Rosalía, descoñezan cal vai o seu futuro e estean nunha situación de incerteza permanente". A central sindical subliña que incluso o concurso para a prestación do servizo leva anos sen renovarse "nunha clara ilegalidade", que ademais provoca un incremento de custes para toda a cidadanía "acrecentando os problemas económicos do IMCE".
Por iso, a CIG-Servizos da Coruña exixe información sobre todo o novo proceso aberto con respecto ao IMCE e que se abra un proceso de remunicipalizacion das persoas traballadoras que traballan para este organismo baixo para a empresa Ilunion.