CIG-Servizos denuncia que Froiz despediu unha traballadora en Ferrol por estar enferma
A CIG-Servizos de Ferrol rexeita de maneira contundente o proceder da empresa “Distribuciones Froiz SAU” que despediu unha traballadora do centro de traballo de San Amaro, no barrio de Esteiro, por estar enferma. Con esta actuación, denuncia o secretario comarcal da CIG-Servizos, Francisco Cartelle, a compañía "amosa unha vez máis a súa verdadeira faciana: para esta empresa semella que as persoas son pezas da produción e cando a peza falla, simplemente se tira ao lixo".
Nesta ocasión, a traballadora despedida é unha compañeira con problemas médicos que lle carrexaron unha limitación de movemento de pesos, da que a empresa fixo caso omiso provocando así un empeoramento da súa situación médica. "Mais non contentos con isto, ao estar de baixa médica derivada desta situación, a empresa, en vez de colaborar coa súa recuperación, dedicouse a perseguir e vixiar a traballadora como se fose unha delincuente".
Para a CIG-Servizos este proceder da empresa, incumprindo as medidas preventivas e tratando o persoal como delincuentes, resulta totalmente inaceptábel. Por iso insta a todo o persoal da empresa a loitar contra a inxustiza que se está a cometer contra esta compañeira, xa que a enfermidade non é algo que se elixa. "Somos persoas e merecemos un trato digno e humano por riba de calquera interese económico ou de produción", subliña Cartelle.
Por isto mesmo, a central chama a non consentir que a empresa estableza un criterio consistente en intentar amedrentar o persoal co despedimento no caso de estar enfermo ou enferma, xogando así coa saúde e cuestionando o criterio médico das baixas.
A CIG-Servizos de Ferrol condena a actuación de Distribuciones Froiz e fai un chamado ao persoal a amosar a súa repulsa a este xeito de actuar da empresa.