FCC incumpre os pregos de condicións do servizos de recollida de lixo de Valdoviño
A CIG-Servizos de Ferrol denuncia as numerosas deficiencias e irregularidades na que se atopa o servizo de recollida de lixo do concello de Valdoviño, prestado pola empresa Fomento de Construcciones y Contratas ( FCC), xa que está a incumprir os pregos de contratación asinados provocando unha discriminación para o persoal deste servizo e unhas condicións de "explotación laboral".
A central leva anos denunciando diante da Inspección de Traballo e a través de demandas da asesoría xurídica, os incumprimentos salariais, que se refiren aos abonos xerados polos atrasos na regularización da suba do IPC, ademais da supresión dunha paga de beneficios que se viña abonando no mes de marzo e que a empresa deixou de pagar de maneira unilateral.
Xunto a isto, os traballadores/as tamén sofren recortes en materia de dereitos sociais no relativo á concesión das licencias retribuídas, pois FCC nega sistematicamente a concesión dos días de asuntos propios (dous días que veñen recollidos nos pregos de contratación).
A CIG-Servizos advirte que o cadro de persoal está a sufrir unha total indefensión, e a pesares das múltiples reunións que foron solicitadas co responsábel da empresa,"a día de hoxe, atópanse coa calada por resposta".
Estas irregularidades foron postas en coñecemento do concello de Valdoviño dende hai anos, mais o goberno local "está a facer oídos xordos ante a vulneración dos dereitos laborais do persoal". Por iso, a CIG-Servizos esixe do concello, como parte contratante do servizo, que adopte as medidas necesarias para que a empresa cumpra co establecido nos pregos de condicións.