CIG-Servizos denuncia os incumprimentos do convenio da empresa concesionaria do SAF de Ames, Osventos
A CIG-Servizos convoca, para o vindeiro día 27 de decembro, ás 11:30 horas, una concentración diante da Casa do concello de Ames, en Bertamiráns, para denunciar os incumprimentos do convenio por parte da empresa concesionaria do SAF, Osventos Innovación en servizos. A central sindical denuncia tamén a pasividade do concello ante os escritos presentados denunciando esta situación e solicitando ter unha xuntanza para a que segue sen haber resposta a día de hoxe.
Roberto Alonso, secretario comarcal da CIG-Servizos de Compostela, denuncia que Osventos non está a pagar as horas extra realizadas, que o persoal deixará de realizar coas carencias na prestación do servizo que isto vai supoñer.
Xunto a isto, incúmprese o descanso mínimo semanal de 48 horas, o descanso mínimo de 12 horas entre xornadas e nin se respecta o dereito á desconexión dixital. “Están chamando ás traballadoras fóra da xornada de traballo o que supón un risco para a saúde mental destas mulleres, recoñecido como factor de risco psico-social”.
A CIG-Servizos considera que a solución a esta precariedade é a remunicipalización do servizo evitando así o lucro destas empresas que, como afirma Alonso, “se aproveitan destas traballadoras e das necesidades das familias das persoas usuarias, converténdose en cómplices desta situación os concellos que fan as externalizacións sen preocuparlles as condicións laborais”.