CIG-Servizos denuncia as “miserentas” condicións laborais que quere impor a patronal de comercio de alimentación
A CIG-Servizos explica que entre as medidas que pretende aplicar a patronal están incrementos salariais “inadmisíbeis” do 0% para este ano; 0,25% para 2017; 0,25% para 2018; 0,50% para 2019 e 0,50% para 2020.
Xunto a isto, e entre outras cuestións, pretende tamén a conxelación de pluses como o de transporte ou o de axuda escolar, rebaixar o período de lactación de 18 a 15 días; suprimir un día de asuntos propios; eliminar os complementos de IT despois dos 12 meses ou utilizar os contratos de interinidade mesmo en períodos vacacionais ou licenzas retribuídas, que é “completamente ilegal”.
A CIG-Servizos sinala que as principais empresas que aplican este convenio son Gadis e Froiz que, mentres tratan de empeorar as condicións laborais, salariais e sociais das súas traballadoras e traballadores conseguiron unha facturación en 2015 de máis de 1.000 millóns de euros, no caso de Gadis e case 600 millóns de euros no de Froiz.
Por iso consideran intolerábel que traten de seguir incrementando os seus beneficios a custo das súas traballadoras e traballadores e non só iso, senón tamén que despilfarren en festas de aniversario cando propoñen recortes máis que considerábeis nas condicións de traballo e de vida do seu persoal.