CIG-Servizos demanda das administracións que asuman a súa responsabilidade para evitar todo tipo de agresións nos SAF
Diante da noticia publicada en diferentes medios de comunicación sobre a agresión dunha usuaria a unha traballadora do Servizo de Axuda no Fogar en Dodro, a federación de Servizos da CIG manifesta que, por desgraza, “nin é a primeira, nin será a última”. Traslada toda a súa solidariedade á traballadora e ofrece, desde a central sindical, todo o apoio que precise.
A secretaria nacional de CIG-Servizos, Transi Fernández, denuncia que as traballadoras deste sector absolutamente feminizado e precarizado, “veñen sufrindo non só agresións, senón tamén, e desgrazadamente, acosos de carácter sexual provocados por familiares das persoas usuarias e polas propias persoas dependentes”.
Lembra como funciona este servizo, onde a Xunta de Galiza e os concellos teñen parte activa, adxudicándolles ás empresas esta prestación que, na maioría dos casos, non cobren o salario das traballadoras. A maioría das veces este sindicato ten que impugnar os concursos para reclamar que se respecten as condicións que marca o convenio colectivo. Convenio que segue sen ser negociado a día de hoxe”.
Que ocorre cando unha traballadora comunica que está sendo mal tratada ou acosada?
Fernández explica que o comunica directamente a empresa, “pero esta, a maioría das veces fai caso omiso, cambiando a traballadora de lugar e poñendo a outra no mesmo domicilio, á que lle vai pasar o mesmo, pero non resolven o gran problema”. Denuncia ademais, que moitas veces “aluden á protección de datos, poñéndoo de escusa, porque non poden dar os nomes”.
Que fai ou pode facer un concello nestes casos?
Case sempre nada. “Ás veces a traballadora social tenta averiguar que pasou no domicilio pero a solución é a mesma que a empresa, cambiar a traballadora”, asegura a secretaria nacional da CIG-Servizos.
Transi Fernández lembra que cando desde a federación se lle trasladou á directora xeral de Política Social da Xunta que “nestes casos deben de deixar de prestar o servizo nesa vivenda, contestóusenos que pode ser legalmente difícil facelo”. A este respecto, a secretaria nacional da CIG-Servizos afirma que a administración é a que debería asumir a responsabilidade de garantirlles a estas persoas a atención especializada que precisan e non facela recaer sobre as traballadoras dos SAF, que nin deben, nin pode asumir funcións que van máis alá das súas competencias.
Por iso denuncia que “por parte das administracións o que non hai é vontade de facelo, deixando desprotexidas ás traballadoras ante casos de maltrato ou violencia”.
Que facemos desde a central sindical para tentar rematar con estas situacións tan agresivas?
Para enfrontar estas situacións a CIG elabora protocolos de actuación coas empresas do sector que despois se lle comunican aos concellos. “Facer avaliación de riscos para cada servizo, real, como se fan en calquera centro de traballo”, explica.
Fernández denuncia que tanto Xunta, como Concello e empresas, “parece que están esperando a que ocorra algo máis grave para tomar medidas distintas”.
A secretaria nacional de CIG-Servizos conclúe lembrando tamén a necesidade de que estes servizos sexan públicos, como vén solicitando a CIG nestes anos, desenvolvendo distintas campañas e mesmo levando ao Parlamento de Galiza unha ILP que foi rexeitada pola maioría de PP.