CIG-Servizos critica que a UdC "colabore na precarización" do persoal que fai labores de auxiliar
A CIG-Servizos denuncia a situación na que se atopan as traballadoras que prestan servizo como auxiliares nas instalacións que a Universidade da Coruña ten en Ferrol quen, logo de levar anos realizando estas labores quedarán sen traballo a partir do 1 de marzo, porque a nova empresa adxudicataria non quere contar con elas. A central sindical critica a indolencia da Universidade ante esta conxuntura, demostrando que "só ten interese en mellorar o prezo da contrata sen que lle pareza importar a calidade do emprego que xera"
Dende a Federación critican que unha institución como a Universidade da Coruña "colabore na precarización das condicións de traballo" sen importarlle o futuro destas cinco traballadoras que veñen prestando servizo como auxiliares no campus de Ferrol dende hai anos; algunha incluso dende hai máis de unha década.
Porén, o próximo venres a empresa que realizaba este servizo marcha e a concesión pasa a mans da empresa Pregecsa, que xa comunicou que non vai contar con estas traballadoras. "Diante desta situación a Universidade está calada e semella que o único interese que ten é o de mellorar o prezo da contrata sen que lle pareza importar a calidade do emprego que xera", denuncia o secretario confederal de Emprego, Francisco Cartelle.
A CIG vai emprender as medidas precisas para que se respecten os dereitos laborais das traballadoras e insta a Universidade "que debera comportarse como un exemplo non só académico, senón de valores sociais, para que trate coa nova empresa a continuidade dos postos de traballo".