CIG-Servizos considera un “éxito total” a folga en ELIS, secundada polo 100% do persoal
O 100% do persoal, mesmo o eventual, secundou a folga convocada para o pasado sábado día 18 e este luns día 20 de xuño na lavandaría industrial ELIS. “Un éxito total” para a CIG-Servizos de Compostela que salienta a unidade das traballadoras e traballadores fronte a proposta da dirección da empresa de aplicar un incremento salarial de tan só o 3% no convenio colectivo que se está negociando.
Na lavandaría ELIS traballan sobre 100 persoas, maioritariamente mulleres, que representan o 80% do cadro de persoal. Os hospitais son os clientes principais da empresa e, de feito, foi unha das poucas empresas que tiveron que traballar durante a pandemia.
O persoal denuncia ademais a gran penosidade na que desenvolven o seu traballo polas altas temperaturas que teñen que soportar, sobre todo na primavera e no verán. Un traballo que realizan ademais de pé, continuamente diante das máquinas, durante 8 ou 9 horas, por un salario mísero. Tal é así que o salario é de 889 € por 14,5 pagas e mesmo a antigüidade está sendo absorbida polo incremento do SMI.
Coincidindo cos paros o persoal concentrarase diante da empresa en demanda de mellores condicións no novo convenio.
As traballadoras e traballadores lamentan as molestias que puideran ocasionar xa que a empresa presta servizos, ademais dos hospitais á hostelaría e restauración.