CIG-Servizos denuncia a situación precaria na que se presta o servizo de comedor no CEIP Virxe do Mar
A CIG-Servizos denuncia a situación de precariedade na que se ten que prestar o servizo de comedor escolar no CEIP Virxe do Mar de Narón, debido ás dimensións reducidas das instalacións, mermadas agora polas limitacións de aforo provocadas pola pandemia de Covid-19. Esta falta de espazo obriga a dar o servizo en tres quendas, complicando o traballo polas présas nas que hai que prestalo e dificultando as tarefas de desinfección e limpeza, básica na actual crise sanitaria.
CIG-Servizos explica que estaba planificada unha obra de ampliación do espazo para antes xa da pandemia, pero ficou adiada sen data a causa desta. "A CIG non entende cales foron os motivos que levaron a Administración a tomar a peor das decisións, entendendo que o lóxico sería que en lugar de adialas, as obras fosen adiantadas xa que agora están máis xustificadas que nunca".
A este respecto, Xabier Rodríguez, da CIG-Servizos de Ferrol, sinala que coa nova situación de alerta sanitaria este curso os/as usuarios/as teñen que recibir o servizo en tres quendas distribuídas do seguinte xeito:
- Quenda 1: de 13:30 a 14:15h: Educación Infantil. O alumnado sae ás 14:20h.
- Quenda 2: de 14:30 a 15:00h. 1°, 2°, 3° e 4° de Educación Primaria. Saen ás 15:05h.
- Quenda 3: de 15:15 a 15:55h. 5° e 6° de Educación Primaria.
Entre quenda e quenda de comedor hai un tempo de 15 minutos para a desinfección de aveños propios do servizo.
A Xunta non adoptou medidas
Esta situación foi posta en coñecemento da Consellería de Educación por parte da dirección do centro e secundada pola ANPA, "mais semella que a Xunta de Galiza non considera importante discriminar o alumnado en función do colexio no que teñan praza".
O principal problema de dar un servizo partido en tres, apunta Rodríguez, é que entre as quendas establécese un tempo teórico de 15 minutos para a desinfección e limpeza da estancia antes de pasar a seguinte quenda. Ese tempo teórico vese acurtado "porque non se pode comezar a desinfectar até que a estancia está baleira de usuarias/os, que non marchan até cinco minutos despois do fin do seu tempo asignado de comedor, coa presión no traballo diario que isto supón para as traballadoras do servizo".
Ditos tempos de desinfección resultan de todo insuficientes, máis aínda na situación de crise sanitaria que atravesamos, na que a desinfección das superficies é crucial para non provocar novos gramos que poñan en compromiso o normal funcionamento do centro e a saúde das familias dos/as usuarios/as do servizo.
"As traballadoras realizan as súas labores co mellor desempeño posible pero aínda así non hai tempo suficiente para desinfectar todos os aveños adecuadamente", advirte.
A empresa desenténdese
A empresa concesionaria (Eurest Colectividades SL) non amosou intención de resolver dita problemática. "Recentemente houbo unha serie de problemas co protocolo Covid de sentado das/os usuarias/os, sendo reclamado por parte das traballadoras un protocolo concreto de actuación en aras realizar o servizo correctamente, protocolo que a día de hoxe aínda non teñen".
Queda claro pois, denuncia a CIG-Servizos, "que tanto pola parte da empresa como da Administración competente as traballadoras e usuarias/os quedan abandonados á súa sorte, sendo este o único centro de Narón que non pode dar servizo de comedor escolar dunha soa vez, e ofrecendo un servizo de peor calidade que nos demais adscritos a este Concello, cousa que parece non importarlle moito á Xunta de Galiza".