CIG-Saúde valora positivamente o seguimento da folga xeral no Sergas
A CIG-Saúde vén de valorar positivamente tanto o seguimento da folga xeral convocada no Sergas para hoxe e mañá venres como as mostras de apoio recibidas das traballadoras e traballadores da sanidade pública galega.
O persoal do Sergas súmase ao rexeitamento da posición da consellaría de Sanidade, que se negou a establecer un calendario de recuperación dos acordos retributivos suspendidos desde o ano 2010 tal e como se lle viña demandando e nin sequera foi quen de comprometerse a fixar a dotación orzamentaria necesaria para garantir que en 2019 comezan a se retribuír os graos da carreira profesional para todo o persoal, fixo e temporal.
María Xosé Abuín, secretaria nacional de CIG-Saúde, denuncia en todo caso o intento das Xerencias de boicotear á folga na súa primeira xornada mobilizando persoal de servizos mínimos para ocupar postos de persoas que a están secundando. “Nalgún caso a información que recibimos foi que diante da participación na folga de enfermeiras e enfermeiros de quirófano, outro persoal asumiu o seu traballo como instrumentistas”.
Abuín demanda da administración un “escrupuloso respecto ao dereito á folga das traballadoras e traballadores do Sergas” e advirte que “está en mans da consellaría de Sanidade recoñecer os dereitos laborais e retributivos do persoal do Servizo Galego de Saúde para rematar así con este conflito”.
Lembra ademais que as organizacións sindicais asinaron acordos coa administración que “non poden depender das decisións unilaterais que adopte en cada momento o partido que sustenta o goberno”. Xunto a isto advirte que “se a esta administración non lle satisfán estes acordos, o que ten que facer é pór enriba da mesa outros, non limitarse a suspendelos deixando ás traballadoras e traballadores do Sergas nas peores condicións salariais do Estado español”.
A CIG-Saúde fai un chamamento a participar na concentración convocada para mañá venres, día 3, ás 11:00 horas diante da consellaría de Sanidade en San Lázaro. Unha mobilización que coincide coa segunda xornada de folga.