CIG-Saúde trasládalle á patronal da sanidade privada da Coruña os escritos de repulsa dos comités á represión sindical no QuirónSalud
A empresa abriu expediente sancionador á presidenta e ao secretario do comité, a quen ademais despediu mentres estaba de baixa médica
A CIG-Saúde fixo entrega este venres á patronal da sanidade privada dos escritos aprobados por unanimidade polos sete comités dos hospitais privados da provincia da Coruña en rexeitamento á represión sindical exercida pola dirección do QuirónSalud e en apoio á presidenta e ao secretario do órgano de representación deste centro hospitalario.
Os escritos foron rexistrados na sede da Confederación de Empresarios/as da Coruña, nun acto que contou coa participación de delegadas e delegados dos diferentes hospitais privados da provincia: o propio QuirónSalud, HM Modelo, San Rafael, Ribera Juan Cardona, HM Rosaleda, HM Esperanza e Hestia La Robleda. Deste xeito, quixeron evidenciar o malestar que existe entre o persoal do sector contra unhas prácticas empresariais que atentan contra a liberdade sindical e os dereitos fundamentais.
Hai que lembrar que a dirección do Hospital QuirónSalud da Coruña abriu expediente sancionador tanto á presidenta como ao secretario e, para máis gravidade, despediu a este compañeiro cando estaba de baixa alegando motivos disciplinarios por supostos incumprimentos en materia de protección de datos.
Estas medidas disciplinarias, que non teñen outro obxectivo que castigar o traballo sindical desenvolto pola representación da CIG e amedrentar o persoal para que non reclame os seus dereitos nin poña en evidencia as prácticas que antepoñen o lucro á saúde, xa foron recorridas en vía xudicial e ante a gravidade dos feitos, a central nacionalista iniciou unha campaña de mobilizacións para denunciar publicamente as prácticas represivas do Grupo Quirón.
Porén, tal e como destacou o responsábel de sanidade privada da CIG-Saúde, Miguel Tizón, “toda a representación sindical no sector é consciente de que o acontecido no Quirón supón un precedente que non se pode consentir e de aí ao apoio unánime dos comités a este manifesto e a que se lle dea traslado á Asociación de Hospitais Privados da Coruña para que tomen nota e saiban que as traballadoras e os traballadores non calarán ante o atropelo dos seus dereitos”.