CIG-Saúde traslada ao Congreso unha iniciativa para que se recoñeza a xubilación aos 60 anos ao persoal da sanidade
A CIG-Saúde vén de trasladar unha iniciativa ao Congreso, a través do BNG, para o debate na Comisión de Sanidade, co obxectivo de que se aprobe a xubilación aos 60 anos, especialmente para o persoal con longas carreiras de cotización.
A CIG-Saúde explica que o sector sanitario ten características propias e posúe riscos laborais específicos cunha elevada taxa de problemas de saúde laboral: riscos biolóxicos, químicos, radiacións ionizantes, riscos psicosociais, quendas rotatorias que favorecen a aparición de enfermidades coronais e cerebro-vasculares, depresión, etc.
A Lei Xeral da Seguridade Social, no seu artigo 206, Xubilación anticipada por razón da actividade, contempla que a idade mínima de acceso á pensión de xubilación poida ser rebaixada naqueles grupos ou actividades profesionais cuxos traballos sexan de natureza excepcionalmente penosa, tóxica, perigosa ou insalubre e teñan elevados índices de morbilidade ou mortalidade.
Entre as traballadoras e traballadores da sanidade pública hai colectivos cunha longa vida laboral, con anos de cotización que exceden, con moito, os necesarios para acceder á pensión máxima, e que tamén deben ter o dereito a xubilarse aos 60 anos.
A lei recolle que, cando o procedemento de redución da idade de xubilación afecte o persoal das administracións públicas, a iniciativa corresponderá conxuntamente ás organizacións sindicais máis representativas e á administración da que dependa o colectivo.
Por iso a CIG-Saúde leva, desde o inicio da negociación do no novo Estatuto Marco, instando ao Ministerio de Sanidade á negociación do dereito á xubilación anticipada aos 60 anos para o persoal da sanidade pública. Mais até o día de hoxe, e despois de máis de dous anos de intentar que o Estatuto Marco recollera as condicións da xubilación, o Ministerio negouse a tratar este tema.