CIG-Saúde, SATSE, CSIF e UGT exixen ao Sergas que ordene o cadro de persoal e non derive a responsabilidade aos xulgados
María Xosé Abuín, secretaria nacional da CIG-Saúde, explicou que no Servizo Galego de Saúde xa existen sentenzas nas que se recoñece o carácter fraudulento da contratación e declaran a condición de persoal interino do/a profesional denunciante.
Xunto a isto lembrou que as organizacións sindicais veñen demandando desde o ano 2010 que todas as prazas estruturais se cubran con persoal interino procedente das listas de contratación e atendendo ao criterio de prelación. “A xente está ordenada nesta lista por ter superado máis dun proceso selectivo sen acadar praza; por acreditar moitos anos de experiencia profesional e pola súa formación, que engade valor ao traballo”.
Segundo Abuín a normativa laboral vixente no SERGAS é precisamente a que establece que se sigan estes criterios nos procesos de contratación. Porén, denuncia que o seu incumprimento está a levar a moitas/los profesionais a denunciar a súa situación laboral irregular.
Diante disto, Abuín considerou que ten que ser o SERGAS quen orden o cadro de persoal segundo vén recollido no Estatuto Marco e na Lei de Emprego de Galiza e non os xulgados. Por iso reclamaron a inmediata convocatoria da Mesa Sectorial ao entender que a administración non se pode paralizar malia estar o goberno en funcións. “Non estamos falando de lexislar nin pactar nada novo, senón de cumprir a lei e aplicar as normas que xa existen”.
Os sindicatos denunciaron que “ao SERGAS inhibirse das súas responsabilidades está propiciando o enfrontamento das e dos profesionais creando un clima laboral hostil” e aseguraron que “é moi importante garantir a estabilidade das traballadoras e traballadores do sistema sanitario público galego porque isto beneficia a calidade asistencial”.
Neste sentido, Abuín alertou das dificultades que engade en ámbitos como primaria ou especializada a constante rotación e mobilidade do persoal.