CIG-Saúde Santiago denuncia a infradotación de persoal en saúde mental da área de Santiago e Barbanza
No Plan de Saúde Mental de Galicia poscovid-19, publicado no ano 2020, establecéronse unha morea de “proxectos dirixidos á prevención da aparición de problemas de saúde mental na poboación galega” e pretendía mellorar “a asistencia sociosanitaria ás persoas que padecen un trastorno mental”. Rematando o prazo de execución deste plan, leváronse a cabo algúns destes proxectos nesta área sanitaria, mais coa eiva de ter os equipos de saúde mental incompletos.
Deste xeito, recentemente, creáronse novas unidades ou reforzáronse as existentes: creouse unha unidade de primeiros episodios psicóticos, outra unidade de psicose refractaria e un novo equipo de hospitalización psiquiátrica a domicilio. Porén, CIG-Saúde de Compostela denuncia que “todos estes dispositivos carecen de enfermería especialista en saúde mental, privando ás persoas usuarias de coidados especializados”.
Explican ademais que, cando menos, a unidade de saúde mental (consultas) da Barbanza, a unidade de alcoholismo, a unidade de desordes alimentarios (UDAL) e as consultas de psicoxeriatría tamén carecen de enfermeira, “obrigando a usuarios e usuarias a acudir a outros dispositivos ou centros para que lles administren tratamentos e realicen o seguimento, mesmo sendo atendidos cada día por un profesional distinto”.
Habitual non substituír o persoal de enfermería
A CIG-Saúde manifesta, por iso, a súa preocupación porque a tónica de “non substituír ao persoal enfermeiro das unidades de saúde mental desta área veña a ser habitual”. De feito, apuntan que do 3 ao 20 de xullo estivo sen cubrir o posto de enfermeira nas consultas de Conxo/A Estrada, dado que a enfermeira titular se xubilara. “Ante a ausencia da enfermaría de saúde mental das consultas de Psiquiatría, os usuarios e usuarias son atendidos polo persoal de enfermería dos centros de saúde, que se ven na obriga de asumir cargas de traballo extra e facerse responsables duns coidados alleos á súa competencia, incumprindo -a xerencia da área de Santiago- a obriga en materia de formación e información suficiente e adecuación aos/ás traballadores/as acerca dos riscos do posto de traballo”.
En canto á hospitalización en Psiquiatría, a cousa non mellora. É máis, a CIG-Saúde de Compostela afirma que se aproveitou o verán para reducir as coberturas de persoal nas unidades (especialmente no Hospital Psiquiátrico de Conxo), obtendo das peores ratios de profesionais/usuarios de todo o SERGAS e, consecuentemente, precarizando os coidados, ao non axustarse á lexislación sanitaria vixente.