CIG-Saúde rexeita uns orzamentos que non dotan a sanidade pública co persoal necesario para unha atención digna
Delegados e delegadas da CIG-Saúde concentráronse esta mañá diante do Parlamento de Galiza para manifestar o seu rexeitamento aos orzamentos destinados á sanidade pública para 2024. Na mobilización, o secretario nacional, Manuel G. Moreira, denunciou que son “unha oportunidade perdida” e reclamou unha planificación real de necesidades, tanto para facer a cobertura do acordo de redución de xornada do 20 de abril de 2023 como para evitar que os cadros de persoal sigan estando a mínimos, e novamente sen ter en conta ás categorías profesionais minoritarias, que son imprescindibles para o bo funcionamento da sanidade pública.
Por iso, Moreira exixiu uns orzamentos públicos e dignos para a sanidade pública e reiterou que esta é “unha oportunidade para poñer en valor o traballo das e dos profesionais e para reforzar e dar conta das necesidades reais que temos neste momento”.
Nese sentido apuntou a situación na que se atopa a Atención Primaria, con centros de saúde e centros de atención continuada “sen persoal e sen capacidade para dar resposta ás necesidades da cidadanía”, ao igual que ocorre nos hospitais, “con listas de agarda cada vez máis prolongadas, unha accesibilidade máis complicada e con persoal sometido a unha presión e unha carga de traballo que non permite facer a asistencia sanitaria coa calidade que nos demandamos”, afirmou.
O secretario nacional de CIG-Saúde lamentou, ademais, que non se aproveitaran os orzamentos para analizar eses cadros de persoal e, “desa análise, tirar que é necesario reforzalo a conta do Capítulo I dos orzamentos para financiar novas prazas”.
Plan de Ordenación de Recursos Humanos
A este respecto lembrou que o sindicato leva anos reclamando un Plan de Ordenación de Recursos Humanos en Atención Primaria, imprescindible para garantir o persoal necesario, mais tamén “porque hai novas necesidades e tamén moitas xubilacións e un Plan que non teña respaldo orzamentario é papel mollado”.
Do mesmo xeito reclamou que na atención hospitalaria se analicen as ratios do persoal de todas as categorías e de todas a especialidades. “Non pode ser que teñamos o persoal que ten a responsabilidade de coidados das e dos doentes que están ingresados sobrecargado e facendo máis horas das que lles corresponde facer”, aseverou.
Para exemplificar a situación na que queda a Atención Primaria neste orzamentos, Moreira subliñou que a partida de gasto destinada “non chega nin ao 15% da porcentaxe global dos orzamentos da sanidade pública”. Por iso desmentiu o discurso da consellaría de Sanidade que, lembrou, “fala de 1.500 millóns de orzamentos para Primaria, pero os propios orzamentos recollen que deses, 800 millóns son para gasto farmacéutico, polo que só quedan 700 millóns para o gasto de Atención Primaria e unha parte se vai en financiar os custos da privatización”.
O secretario nacional de CIG-Saúde concluíu reclamando o orzamento necesario porque “necesitamos esa aposta pola defensa da sanidade pública, esa aposta por reforzar a atención primeira e a atención hospitalaria e necesitamos que se apostara por ese Plan de Saúde Mental tan necesario, porque o que fixo a Xunta nin sequera foron capaces de desenvolvelo”.
Dirixíndose ás galegas e galegos, Manuel G. Moreira pediu “que tomen conciencia de que o goberno da Xunta, non está apostando pola sanidade pública que reclamamos as traballadoras e traballadores e a que merecen as usuarias e usuarios”.