CIG-Saúde rexeita que se manteña a externalización do servizo de mantemento do Hospital Naval e do Marcide
A CIG-Saúde de Ferrol rexeita que o SERGAS decida perpetuar a privatización do servizo de mantemento íntegro do Hospital Naval e parte do Hospital Arquitecto Marcide. Desta volta, ademais, o SERGAS amplía a oferta do contrato até os 4 millóns de euros. "Se considerabamos que con 2,9 millóns de euros o contrato debera reverter ao público, xa quedamos sen palabras ante o aumento da cifra", subliñan.
A CIG-Saúde denuncia que con este tipo de contratos, o que fai o SERGAS é duplicar servizos. Así, lembran que hai anos a atención da Central Térmica do Marcide se levaba ás 24 horas con persoal propio, "pero agora contrata de novo que sexa unha empresa externa quen faga estes traballos". As cláusulas do prego de condicións estabelecen que "se debe garantir a presenza física no CHUF dos técnicos que correspondan para dar cobertura ao obxecto do contrato 24 horas ao día, 365 días ao ano”.
Porén, a realidade é outra, "as empresas cobran por este labor as 24 horas, pero dan atención unicamente en quenda de mañá e se hai problemas a outras horas, acaban enviado ao persoal propio do hospital". Este incumprimento dos pregos ademais non lle supón unha penalización económica á empresa adxudicataria nin se lle exixe o cumprimento do contrato.
"Temos máis que demostrado que funciona moito mellor o mantemento público, con exemplos claros coma que despois de ter contratado a unha empresa para o aforro enerxético, foran os nosos traballadores os que tiveron que facer o cambio de focos fluorescentes a led, e os poucos que cambiou a empresa contratada fíxoo mal, deixando as reactancias postas para acabar rápido, o que impide ter un aforro ao non diminuír o consumo como debera".
CIG-Saúde explica que neste novo contrato hai un cambio con respecto ao de hai 12 anos. "Antes a empresa era a que asumía o gasto enerxético, pero neste caso, ante as subas do custe da enerxía, a empresa non pagará as facturas, só será a encargada de buscar o aforro; e cobrará por buscalo sen necesidade de que teñamos tal aforro. Cobra 4 millóns de euros, e se non das ou non fas, non pasa nada", denuncian.
A este respecto, lembran que o Hospital xa ten 4 enxeñeiras e enxeñeiros contratados que saber mellor que ninguén, que melloras aplicar. Por iso, a CIG-Saúde advirte, unha vez máis, do malgasto que supón esta externalización dos servizos: empresas que cobran millonadas "para facer traballos a medias como xa nos está pasando. Co mantemento publico isto non acontece, xa que para o persoal propio prima a calidade e o aforro a longo prazo, en vez de atender a un aforro para hoxe e fame para maña".