CIG-Saúde rexeita os orzamentos do SERGAS que consolidan os recortes na sanidade pública e a precariedade laboral
As organización sindicais con representación na Mesa Sectorial concentráronse no mediodía deste luns diante do Parlamento galego en rexeitamento aos orzamentos da Xunta de Galiza para a sanidade pública "que consolidan a política de desmantelamento do sistema público e o deterioro tanto da Atención Primaria como da Atención Hospitalaria".
A secretaria nacional da CIG-Saúde, María Xosé Abuín, denuncia que estes orzamentos non recollen o 25% para a Atención Primaria, que é prioritario, nin permiten a recuperación dos salarios roubados ao persoal dende ao ano 2010. "Continuamos a ser as traballadoras/es peor retribuídas de toda a administración galega e seguimos á cola do resto dos sistemas de saúde do Estado", subliña.
Abuín critica a "hipocrisía" do presidente Feijoo que publicamente destaca a importancia do persoal da sanidade "mentres lle mantén unhas condicións laborais e salariais de precariedade, fomentando así a fuxida das e dos profesionais na procura de mellores condicións e dunha estabilidade laboral que o SERGAS non lle ofrece". Para a secretaria da CIG-Saúde esta precarización haina que enmarcar na política do PP de deterioramento do sistema público, para avanzar na privatización da sanidade.
Infraestruturas que non responden ás necesidades
Xunto a isto, critica o gasto que supón o novo Plan de infraestruturas do SERGAS, que contempla a construción e reforma de centros de saúde, non responden ás necesidades asistenciais, "porque os centros de saúde precisan de equipamento e de profesionais, e o que contén este plan son 'casiñas' que responderán a algún tipo de interese inmobiliario pero non sanitario". É máis, engade Abuín, no deseño destes centros nin sequera se dispón de consulta para matrona.
Relacionado con isto último, apunta que os orzamentos para 2022 tamén confirman o machismo na política sanitaria do PP, "pois levamos 20 anos agardando que se faga a reordenación do servizo de matronas para adaptar o número de profesionais ao número total de mulleres e para que a atención se faga en todas as etapas da nosa vida, non só na etapa fértil".
A concentración deste luns seguiranlle outras mobilizacións para esixir unhas partidas económicas que garantan unha sanidade pública universal de calidade, que permitan recuperar a Atención Primaria e dotala dos medios necesarios, que mellore a Atención Hospitalaria e que respecte os dereitos laborais e para que se devolvan os salarios detraídos ao persoal dende hai máis dunha década.