CIG-Saúde rexeita o Plan de continxencias covid do SERGAS porque non contempla persoal suficiente
Co voto en contra da CIG e UGT e o apoio de CCOO, CSIF e SATSE aprobábase o pasado mércores día 25 de novembro o Plan de Continxencias COVID do SERGAS. Un Plan que prevé unha contratación de persoal “manifestamente insuficiente” e non premia o persoal que traballou en precario durante a pandemia.
Segundo explica a secretaria nacional, María Xosé Abuín, para a CIG-Saúde “o máis importante era a estabilidade na contratación de persoal durante todo o estado de alarma e que isto tivera continuidade no futuro”.
Porén o Plan, aínda que recolle a proposta da central sindical relativa a contratos eventuais de 6 meses ofertados como longa duración, non contempla que sexa para todas as categorías.
De feito, vanse ofertar 1.150 contratos dos que 740 son para persoal de enfermería e 410 para o resto de categorías. “Para enfermería non son suficientes, pero ademais, son manifestamente insuficientes para o resto das categorías, sobre todo para TCAEs, PSX e persoal de enfermería especialista”.
Así as contratación previstas son: 7 especialistas en enfermería familiar e comunitaria: 3 especialistas en enfermería pediátrica; 5 técnicos/as de prevención; 54 TEL; 12 TER; 153 TCAEs; 85 celadoras/es; 58 auxiliares administrativos/as e 33 PSXs.
Cuestións que contempla
O Plan inclúe cuestións como puntuación adicional para o persoal das listas de selección temporal por estar dispoñible durante a emerxencia sanitaria, a razón de 0,15 puntos por mes.; contrato eventual de 6 a meses prorrogable por emerxencia sanitaria, ofertado con criterio de 1º de lista; teletraballo e flexibilización horaria durante a emerxencia sanitaria; criterios de mobilidade de persoal; pausa adicional en unidades especiais; formación COVID a razón de 3 horas de xornada efectiva; valoración dos servizos prestados na COVID no baremo de carreira profesional como compromiso coa organización e permiso excepcional para unidades COVID de até 3 días durante o estado de alarma.
Para a CIG-Saúde a puntuación adicional vai provocar máis desequilibrios nas listas de contratación temporal. “Non premia ao persoal que leva traballando toda a pandemia en precario, sen poder conciliar a súa vida familiar, sen permisos, en definitiva, sen dereitos”, lamenta Abuín.
Lei de Medidas
Na xuntanza da mesa sectorial tamén se anunciou que na lei de medidas de 2021 se vai incluír unha puntuación adicional por prestación de servizos durante a COVID para os procesos de selección fixa (OPE), que se negociará no decreto de provisión. Diante disto a CIG-Saúde exixe a eliminación desta puntuación adional”.
Ademais a central sindical considera que o permiso excepcional recollido no plan “é moi ambiguo e vai provocar diferenzas entre as distintas categorías e mesmo dentro da mesma categoría entre diferentes unidades”. Neste sentido, como o ámbito de aplicación do Plan é para o persoal temporal, a secretaria nacional pregúntase se está excluído deste permiso o persoal fixo.
Abuín insiste en que “o verdadeiro recoñecemento que exixe o persoal destas listas de selección temporal é a estabilidade laboral tanto nas listas de contratación como na OPE, e que se lles recoñeza o dereito a vacacións, permisos e os dereitos de conciliación laboral e familiar”.
Por iso, conclúe, que “desde CIG-Saúde rexeitamos o Plan COVID do SERGAS”.