CIG-Saúde rexeita o Decreto que impide a estabilidade do persoal investigador
A mesa de Función Pública aproba este mércores un Decreto polo que se regula o réxime de contratación do persoal investigador laboral da administración galega. A CIG-Saúde rexeita o seu contido porque impide a estabilidade deste persoal como estatutario e parte do cadro do SERGAS e vai dificultar a continuidade de proxectos de investigación sanitaria que están en marcha e benefician ao conxunto da sociedade.
“O único interese é dar cabida aos intereses da investigación privada e a industria farmacéutica, porque segundo eles o coñecemento hai que buscalo fóra”, denuncia a secretaria nacional da CIG-Saúde, María Xosé Abuín.
De feito, a CIG-Saúde presentou toda unha serie de alegacións matizando que esta versión do Decreto non variou practicamente en relación coa versión de xullo de 2016 e, por tanto, seguen tendo plena vixencia as alegacións presentadas ante aquela versión. “O único cambio que ten algo de relevancia desde o punto de vista do traballador é que se cambia o período de aviso previo da renuncia ao contrato desde un prazo de 3 meses a un de 1 mes”.
Porén, o problema fundamental, segundo Abuín mantense xa que os contratos son por 5 anos e asociados a un proxecto específico de investigación. “Déixase aberta a porta ás renovacións pero condicionadas a que o proxecto de investigación teña unha duración maior ou a que se concedan prórrogas”, asegura.
A CIG-Saúde considera que esta redacción non ten en conta que “os investigadores teñen os mesmos dereitos que os demais cidadáns” e que, polo tanto, agás en circunstancias excepcionais, que xa están delimitadas nas leis, “teñen dereito á estabilidade nos seus postos de traballo”.
A secretaria nacional afirma que a ausencia de recoñecemento deste dereito no artigo 6 fai que sexa “contrario á dignidade da profesión de investigador, á finalidade de fomentar a investigación e á normativa xurídica”. Entende que a redacción deste artigo desbota a estabilidade durante toda a vida laboral do persoal investigador. Unha situación que non se pode xustificar coa necesidade de avaliación, pois existen mecanismos no ordenamento xurídico para tratar o incumprimento dos contratos que non é unha posibilidade exclusiva dos investigadores.
Temporalidade indefinida
A temporalidade indefinida leva, para a CIG-Saúde, desvantaxes non só persoais de inseguridade e ansiedade, senón tamén de participación en procesos administrativos, financeiros e sociais incluíndo os propios do traballo como investigador.
Neste último apartado, lembra que, na práctica totalidade das convocatorias públicas nacionais e europeas de proxectos de investigación e de axudas para a contratación de persoal, se require que a vinculación do investigador principal sexa permanente ou que se estenda ata a finalización do proxecto ou do contrato de persoal solicitados. Ademais considera que “a inestabilidade dos investigadores é incompatible coa realización de proxectos ambiciosos”. E denuncia que o decreto “reclama ás/aos investigadoras/es que cheguen a un nivel de excelencia que o mesmo decreto obstaculiza”.
Investigador/a distinguido
Ao entender da CIG-Saúde o decreto abusa, ademais, do termo “investigador distinguido”. Explica que a finalidade desta figura é a de captar investigadores de sona a cambio dun salario e unhas condicións de traballo e outros beneficios por riba dos que corresponden a un membro ordinario do persoal de investigadores. “É esa excepcionalidade a que xustifica a temporalidade do contrato, de forma similar aos contratos de alta dirección, na Lei da Ciencia. Transformar esa figura nun mecanismo para contratar investigadores ordinarios privándoos dos seus dereitos é un abuso”.
Outros aspectos como o exceso que supoñen as avaliacións anuais, a omisión do persoal de apoio á investigación, a ausencia de referencia á tese no contexto dos contratos predoutorais, ou as retribucións limitadas permanecen sen cambios e, por tanto, mantense a validez das alegacións presentadas en agosto de 2016.
A CIG-Saúde conclúe que o decreto persevera no seu esforzo de “impedir que os investigadores poidan adquirir estabilidade laboral e o dereito á continuidade no seu posto de traballo”.