CIG-Saúde rexeita asistir "de oínte" ao acto de propaganda preelectoral da consellaría de Sanidade
Hoxe mesmo inaugúrase en Compostela un Congreso de Igualdade e Recursos Humanos nos Servizos públicos de Saúde, onde as organizacións sindicais foron convidadas a ir “de oíntes”. Así o denuncia a CIG-Saúde que rexeitou asistir porque o SERGAS e a Consellería de Sanidade van expor a súa folla de ruta en materia sanitaria. “Un evento máis parecido a un acto de propaganda neste momento preelectoral” que a un Congreso, fronte ao que o sindicato exixe “que se aborden sen máis demoras todos estes temas prioritarios de forma construtiva e aportando solucións na mesa sectorial de Sanidade”.
A CIG-Saúde apunta que a sanidade pública está nun momento de cambio do marco xurídico, cun estatuto marco de persoal estatutario en revisión e coa obriga de reducir a temporalidade no sector, pero “encorsetados/as dentro da taxa de reposición, o que impide que os centros sanitarios poidan crear prazas para dispoñer do persoal realmente necesario para dar unha prestación de calidade á poboación”.
Lembra que leva anos advertindo de que a precariedade na contratación “ía traer consigo a perda de profesionais que foxen a outros servizos de saúde, e mesmo á sanidade privada, porque atopan alí o que o SERGAS lles nega, é dicir, conciliar a súa vida laboral e familiar ademais dunhas condicións laborais máis estables”.
Durante anos o SERGAS negouse a planificar e agora faltan profesionais
Neste sentido, o secretario nacional, Manuel G. Moreira, denuncia que “durante anos o SERGAS negouse a planificar o problema real no que nos atopamos agora de falta de profesionais, porque un número moi elevado de profesionais se xubilan e non se dispón de suficientes efectivos para repoñer as prazas que quedan vacantes”. E demanda un relevo xeracional que “ten que darse en todos os eidos, non só para dar cobertura ás ausencias do persoal que se xubile, senón tamén nos mandos intermedios e nos postos directivos”.
Recursos humanos e taxa de reposición
A CIG-Saúde considera que a estabilidade no SERGAS precisa dun “sistema identificativo de prazas, que nos permita coñecer en todo momento o estado dos cadros de persoal nos distintos centros”. Entende que, deste xeito, “evidenciaríanse todas as prazas non orzamentadas cubertas desde hai anos por contratos en acumulación de tarefas, que non son máis que contratos precarios, mes a mes, rotando ao persoal das listas de contratacións”.
O SERGAS deixou esmorecer a atención primaria, sen investir en infraestruturas, en mobiliario, en aparataxe e, sobre todo, en recursos humanos
Por iso defende a eliminación da taxa de reposición, para que se poida consolidar en prazas vacantes aquelas prazas que de forma estrutural sexan precisas, mais tamén para que se poidan ofertar todas as prazas vacantes existentes para a súa cobertura con persoal fixo. “O SERGAS deixou esmorecer a atención primaria durante anos, sen investimentos en infraestruturas, en mobiliario, en aparataxe, e sobre todo, en recursos humanos”, denuncia Moreira, quen afirma que “levamos 4 anos dándolle voltas a un Plan de Ordenación de Recursos Humanos de Atención Primaria e só temos pequenos acordos parciais que intentan parchear os problemas, pero sen abordar en profundidade a situación”.
Para CIG-Saúde cómpre revisar o modelo de atención primaria, apostando e ampliando as competencias profesionais das categorías existentes de odontólogos/as, técnicos/as superiores en hixiene bucodental, enfermeiros/as especialistas, matróns/as, fisioterapeutas, PSX, incorporando tamén categorías novas como psicólogos/as clínicos/as, logopedas, terapeutas ocupacionais, dietistas-nutricionistas e todas aquelas titulacións que redunden na mellora da atención preventiva e comunitaria da poboación.
Respecto da enfermaría reclama unha aposta polas especialidades enfermeiras, tanto en atención hospitalaria como en primaria. “Hai que adecuar os cadros de persoal do persoal de enfermaría en función das ratios de persoal recomendadas para as distintas unidades e categorías, abríndose a novos perfís profesionais con máis competencias”, afirma o secretario nacional, para quen neste momento o SERGAS “está máis próximo a caducar que a renovarse”.
Para CIG-Saúde non existe benestar laboral cando ao persoal se lle denegan os permisos aos que ten dereito, cando lles cambian a carteleira, cando son mobilizados dunhas unidades para outras, cando non se adaptan os postos de traballo, cando ten que asumir máis traballo que do que lle corresponde ou cando non se lles permite participar na toma de decisións”.
Igualdade e benestar
Moreira valora ademais que no SERGAS “queda moito camiño por andar” no que ten que ver coa violencia de xénero e a perspectiva de xénero. Asegura que “é palmaria a falta de información e formación real e práctica sobre estes temas tanto por parte do persoal como dos mandos intermedios e directivos, que levan a unha descoordinación ou mesmo á inacción ante situacións deste tipo”.
Ademais, no referido ás medidas de igualdade recollidas no Plan de igualdade do SERGAS sostén que “seguimos con problemas na súa aplicación, con adaptacións practicamente inexistentes durante a lactación natural e con retrasos e trabas no caso das embarazadas, limitando a contratación real das traballadoras temporais embarazadas, e o que é peor, impedindo o goce das 22 semanas de permiso de maternidade ás traballadoras con contratos de curta duración”.
O entorno sanitario é hostil para persoal e doentes
A CIG-Saúde tamén ten en conta a realidade das persoas que acceden ao SERGAS pola quenda de discapacidade intelectual, moi diversa dunhas áreas sanitarias a outras. A este respecto apunta que hai persoas perfectamente insertadas laboralmente e outras que se inclúen nos servizos “sen ningunha adaptación, asumindo tarefas e funcións igual que o resto, e que non son quen de desenvolver nin á mesma velocidade nin coa mesma presteza que os demais, xerando frustración nestas persoas traballadoras”.
Sobre isto Moreira considera que “a incorporación de persoas con diversidade sempre foi un punto débil dentro do SERGAS, porque ou non se adapta, ou se fai tarde e mal. Xa non digamos o que acontece co persoal temporal, directamente significa que pouco a pouco o sistema lles limita a contratación, chegando ao punto de retirar un contrato polo feito de precisar unha adaptación de posto”.
Xunto a isto Moreira afirma que neste momento o entorno sanitario é “hostil” para os e as doentes, pero sobre todo para o persoal, “con cargas de traballo crecentes, non só físicas se non tamén cunha gran carga mental polos ritmos frenéticos nos servizos, pola responsabilidade asumida e polo nivel de exixencia tanto por parte dos mandos intermedios coma de doentes e familias”. Cuestións, todas elas, que “non será abordadas no Congreso propagandístico que hoxe arrinca”.