CIG-Saúde rexeita as pretensións de pechar camas no Hospital Virxe da Xunqueira durante o verán
Este verán, o Hospital Virxe da Xunqueira será vítima da política de peche de camas da Xunta do PP. Así o acaba de decidir a Xerencia da Coruña, co consentimento da dirección deste hospital. A CIG-Saúde rexeita esta medida e entende que supón un paso máis no proceso de desmantelamento que, aos poucos, está aplicando a Xerencia ao hospital comarcal. “Despois de 20 anos co noso hospital aberto, despois de 20 anos dando servizo á nosa poboación, despois dunha época de crise que facía temer a fin do mundo, e despois de que algúns se enchan a dicir que a crise xa queda atrás, chega o peche de camas ao Hospital Virxe da Xunqueira”, alertan.
CIG-Saúde denuncia a opacidade coa que se pretende levar adiante este peche de camas, sen informar do mesmo á representación dos traballadores e traballadoras. De feito, “coñecemos esta información a través do persoal de enfermaría onde xa están dicíndolle nos servizos que só estarán operativas 24 camas das 36 que hai na área de hospitalización B (Medicina interna), á espera do que pase na outra área de hospitalización”.
Priman os criterios economicistas
Descoñécese tamén se esta medida terá un carácter temporal ou se, pola contra, pretenden que sexa unha medida definitiva. CIG-Saúde lembra que “no verán as/os enfermas/os non van de vacacións”. Neste senso, acusa ao SERGAS de primar os criterios económicos sobre os asistenciais e pretender aforrar contratacións a conta de ir pechando consultas, quirófanos ou camas.
Até cando van seguir os recortes e até cando van tratar a poboación da Costa da Morte como usuarias/os de segunda división”
“Todo o persoal existente no centro resulta necesario para o bo funcionamento dos servizos e, tal e como se leva facendo dende hai 20 anos, esiximos a contratación de traballadoras/es para suplir as ausencias tanto de hospitalización como nos quirófanos”. Ademais, engaden, mover as listas de contratación redunda na creación de emprego para o persoal eventual.
Desmantelamento progresivo do Hospital
A CIG leva tempo advertindo do desmantelamento progresivo do hospital por parte da Xerencia, e o peche de camas supón “un paso máis neste proceso. Primeiro levouse a maior parte do grupo administrativo para A Coruña, despois comezouse a non contratar persoal 'porque non fai falla', algúns das/os facultativas/os pertencentes ao cadro de persoal xa fan o seu traballo dende A Coruña, e outros veñen algún día a facer o seu labor no centro, porque parece que o resto do traballo pódese facer dende 90 quilómetros de distancia”.
A Federación de Saúde pregúntase até cando van seguir os recortes “e até cando van tratar a nosa poboación como usuarias/os de segunda división”. A CIG xa denunciou que a nova Lei de Saúde e a creación de distritos sanitarios só ía blindar o edificio pero non a atención sanitaria. “O Hospital Virxe da Xunqueira atende a unha poboación avellentada e que se atopa a 90 km do hospital da Coruña. Desmantelar un hospital próximo á poboación e que funciona ben, que presta un servizo básico e esencial para a poboación, non é defender a sanidade pública”.
“Temos os mesmos dereitos que o resto da EOXI da Coruña e non imos a permitir que se trate ao noso hospital como un residuo do cal nos podemos ir desfacendo pouco a pouco”, asevera a CIG-Saúde.