A CIG-Saúde rexeita a venda de Povisa e os argumentos de quen pretenden que siga sendo privado
A CIG-Saúde reitera a súa demanda de que a Xunta de Galiza adquira o hospital Povisa para garantir unha prestación sanitaria pública e de calidade á poboación da área sanitaria de Vigo. Afirma ademais que “os argumentos que utiliza o PP, a consellaría de Sanidade e outros axentes sociais para impedir que Povisa sexa un hospital público, son os mesmos que utilizaron para tratar de impedir que o goberno de Valencia recuperase o hospital de Alzira para o sistema público de saúde”.
Subliña que a reversión do hospital de Alzira ai sistema público foi posible porque se adoptou a decisións política de defender unha sanidade pública “sen negocios nin mordidas”. Lembra que os postos de traballo se garantiron neste hospital porque no ano 2017 o goberno da Generalitat aprobou, mediante a Lei de acompañamento dos orzamentos as medidas referidas ao Persoal, tal e como se recolle no Diario Oficial da Generalitat, de 30 de decembro de 2017, no que especifica que “o persoal afectado seguirá no seu postos en condicións de persoal a extinguir, desempeñando as súas tarefas con idénticas condicións do persoal laboral”.
Non é persoal estatutario
Por iso, a CIG-Saúde considera que quen afirma que o persoal de POVISA pasará a ser estatutario “mente”. De feito, sinala que coa lei de acompañamento dos orzamentos de 2018 da Generalitat, especifícase que “a adquisición por este persoal da condición plena de estatutario só se poderá facer mediante a superación dos procesos normativizados”.
O que si especifica á CIG-Saúde é que a recuperación do hospital de Alzira posibilitou o medre do cadro de persoal e que “as prazas novas creadas xa son de persoal estatutario, seleccionado mediante procesos públicos”.
Recuperar POVISA, unha oportunidade
Diante disto, a CIG-Saúde considera que non se pode perder a oportunidade de que POVISA sexa público porque así garantiríase a prestación sanitaria a toda a poboación da área de Vigo desde o sistema público. Favoreceríase o desenvolvemento desta área sanitaria sen estar ao servizo dos intereses privados. Poderíanse manter os actuais postos de traballo, como persoal laboral xa existentes e posibilitaríase a creación de novos postos de traballo, como persoal estatutario, para adaptar a ratio profesional/doente que permita unha sanidade de calidade sen explotación”.