A CIG-Saúde mantivo no día de onte, 16 de maio, unha reunión telemática coa ministra de Sanidade, Mónica García, na que lle trasladou a súa posición diante dos retos inmediatos aos que se enfronta a sanidade pública. A CIG-Saúde, en base á representación obtida no Servizo Galego de Saúde, participa no ámbito de negociación estatal, no que se está a producir a negociación do novo Estatuto Marco.
Na reunión estiveron presentes o secretario nacional de CIG-Saúde, Manuel G. Moreira, a secretaria de Organización, Ana Belén Lestón, e as membros da Executiva Nacional Lucía Peón e Irene Tato.
A representación de CIG-Saúde trasladoulle á ministra de Sanidade, entre outros, os seguintes temas:
Defensa da sanidade pública
A liña sindical de CIG-Saúde está marcada pola defensa sen concesións da sanidade pública e das condicións laborais das persoas que traballan nela, que son a base dun servizo público universal e de calidade.
CIG-Saúde considera necesaria a elaboración dun plan de choque para a consolidación duns servizos públicos o suficientemente robustos para que non dependan da vontade cambiante dos dirixentes políticos de cada administración, que permitan asegurar o acceso universal aos mesmos en igualdade de condicións e que transmitan á cidadanía unha sensación de seguridade que na actualidade non percibe.
Desde CIG-Saúde cominan ao actual goberno a que asuma a súa responsabilidade de devolver a credibilidade no público fronte á lóxica do mercado.
CIG-Saúde sauda o inicio da consulta pública da futura Lei de Xestión Pública e Integridade do Sistema Nacional de Saúde, que acaba coa Lei 15/1997 que habilitaba novas formas de xestión, pero cremos que hai un aspecto non contemplado no obxectivo da norma, a defensa da dedicación exclusiva á sanidade pública.
Negociación do Estatuto Marco
Neste contexto, CIG-Saúde considera prioritaria a negociación dun novo Estatuto Marco que dea resposta ás necesidades do sistema sanitario público, recoñeza as súas singularidades e impida a súa privatización.
CIG-Saúde defende que a negociación dun novo Estatuto Marco debe dar unha resposta real á situación do persoal da sanidade pública, con condicións propias e específicas, polo que debe incluír necesariamente, entre outros, os seguintes temas:
Cambio de denominación: Sistema Estatal de Saúde.
Sistema identificativo de prazas.
Sistema de información transparente que nos permita realizar comparacións globais das condicións de traballo entre os diferentes servizos de saúde.
Norma básica de carreira profesional para todo o persoal estatutario tanto fixo como temporal, que se aplique ao persoal laboral e funcionario.
Norma básica sobre permisos e licenzas e sobre conciliación laboral e familiar.
Revisión das titulacións, mapas de competencias e clasificación das distintas categorías, adaptando os grupos profesionais ás nosas necesidades.
Xubilación parcial e anticipada, negociada no Ámbito de Negociación.
E todo isto co máximo respecto ás competencias propias de cada servizo de saúde.
Atención Primaria
Entre as prioridades que CIG-Saúde considera urxente abordar está a situación da Atención Primaria, que precisa dun auténtico plan de choque que contemple a posta en valor das persoas que traballan nela, mellorando as súas condicións de traballo e planificando as necesidades actuais e futuras de profesionais de todas as categorías profesionais actualmente presentes na Atención Primaria e as que se decidan incorporar no futuro.
Para poder abordar as medidas necesarias para a sanidade pública, necesitamos contar con profesionais formados polo que é urxente realizar unha planificación realista das necesidades de profesionais, a curto, medio e longo prazo, incrementando as prazas de formación sanitaria especializada, sempre garantíndose a calidade formativa. Para conseguilo é preciso incentivar e poñer en valor a figura das titoras e titores que son o eixo fundamental do noso sistema de formación.
Eliminación da taxa de reposición
CIG-Saúde demanda, tamén, a eliminación da taxa de reposición, o que permitiría a adecuación dos cadros de persoal ás necesidades reais dos servizos de saúde e poder realizar unhas OPE que respondan as necesidades reais do sistema sanitario público, e que permitan abordar dunha maneira real a consolidación do emprego precario acumulado por anos de precariedade e fraudes na contratación.
A taxa de reposición de efectivos, utilizada por distintos gobernos estes últimos 12 anos co argumento de reducir o gasto público, só serviu para desmantelar os servizos públicos, introducir a lóxica do mercado e o beneficio privado na atención ás necesidades básicas das persoas e para precarizar as condicións laborais das persoas empregadas públicas, incrementando a inestabilidade laboral.
Especialidades de Enfermería
CIG-Saúde manifestou a Ministra a súa reocupación polo desenvolvemento das especialidades de enfermería. Sabemos que as competencias de creación e implantación das categorías é das comunidades autónomas, pero hai un tema que depende do Ministerio, a definición das especialidades, especialmente polo tema da especialidade de enfermería de coidados médico-cirúrxicos, que CIG-Saúde entende que non se adapta ás necesidades reais do sistema sanitario.
Colexiación Obrigatoria
CIG-Saúde defende, diante da Ministra, a colexiación voluntaria na sanidade pública.