CIG-Saúde retoma as mobilizacións no conxunto da Atención Primaria
Ante os diferentes incumprimentos por parte da Consellería de Sanidade dos compromisos e acordos tomados o día 8 de abril, a CIG-Saúde retoma as mobilizacións na Atención Primaria desde xa e que proximamente serán concretadas en común con todos os colectivos afectados. Manifesta ademais o seu apoio a todas as mobilizacións en Atención Primaria no camiño dunha solución global e para todos os colectivos, nomeadamente a folga convocada para os días 21 e 22 de maio, mentres se retoma o calendario de mobilizacións para conseguir unha solución global para toda a Atención Primaria.
Para a CIG-Saúde o actual Xerente da EOXI de Vigo está inhabilitado para a negociación deste conflito, polo que a súa dimisión ou cese é o primeiro paso necesario para intentar superalo.
A situación na que se atopa a Atención Primaria da área sanitaria de Vigo precisa que se tomen medidas urxentes. As presentadas na última Mesa Sectorial están moi lonxe de ser as que a nosa atención primaria precisa.
Plano de Ordenación de Recursos Humanos
A complexidade da situación actual, marcada pola cronicidade e o envellecemento, xunto coas limitacións do cadro de persoal para dar unha resposta de calidade, precisa da elaboración urxente dun Plano de Ordenación de Recursos Humanos que identifique as necesidades, tanto de prazas de nova creación como de prazas que será necesario substituír nos próximos anos como consecuencia do elevado número de xubilacións previstas.
Este plano de ordenación de RRHH debe contemplar as medidas que é necesario por en marcha para dar resposta a esas necesidades. Para que a Atención Primaria recupere peso no conxunto da sanidade pública esiximos a creación da Xerencia de Atención Primaria, para, entre outras cousas, ter unha interlocución en pe de igualdade coa Atención Hospitalaria que permita establecer un marco de relación bidireccional en beneficio dos profesionais e dos pacientes.
E mentres isto non sucede, demandamos que se poñan en marcha as medidas acordadas por profesionais dos dous ámbitos recollidas no Plan Estratéxico. As solucións que necesita a Atención Primaria precisan dunha visión global e multidisciplinar que recupere o traballo en equipo e permita o adecuado desenvolvemento profesional de tódalas persoas que traballan en Atención Primaria, para isto é preciso revisar as carteiras de servizos de cada categoría profesional e adaptar os ratios ás novas necesidades.