CIG-Saúde reclámalle á Xunta que habilite os terreos anexos ao hospital de Vigo como aparcadoiro gratuíto
A CIG-Saúde de Vigo reclámalle á Xunta que se habilite os terreos que o SERGAS xa ten en propiedade para ofrecer unha alternativa gratuíta ao actual aparcamento privado e de pago no Hospital Álvaro Cunqueiro. A central leva reivindicando dende que se puxo en marcha o novo hospital, a necesidade de converter en gratuíto o aparcamento xa construído no soto do edificio, pois ten capacidade suficiente para dar resposta ás necesidades das usuarias e usuarios.
Porén, esta opción nunca foi contemplada pola Xunta, pois "choca frontalmente co modelo de hospital-negocio co que se construíu o novo hospital de Vigo, por decisión do Partido Popular". Diante desta situación, a CIG-Saúde considera que a Consellaría de Sanidade debe facilitarlle á poboación unha alternativa gratuíta aos usuarios e usuarias, utilizando para isto os terreos anexos ao hospital que xa ten en propiedade e que na actualidade están sen urbanizar.
Con este obxectivo, o pasado 6 de febreiro, a central solicitou a EOXI de Vigo información sobre estes terreos anexos, contemplando a posibilidade de utilizalos para ampliar as prazas de estacionamento existentes, "creando unha alternativa gratuíta ao aparcadoiro, privado e de pago, que na actualidade ofrece en exclusiva a empresa propietaria do Hospital Álvaro Cunqueiro, co consentimento da Consellería de Sanidade".
A xerencia respondeu alegando que isto non está contemplado nos usos atribuídos no PSIS (Proxecto Sectorial de Incidencia Supramunicipal) do novo hospital de Vigo, "e por outra banda consideran que o número actual de prazas son suficientes polo que non está xustificado o uso destes terreos, sen precisar que as prazas actuais son todas de pago".
Neste senso, a CIG-Saúde entende que sendo precisa esta alternativa de balde, non debería ser o Concello de Vigo quen se vexa na obriga de facilitala "investindo uns cartos da cidadanía de Vigo, incluso coa posibilidade de ser só gratuíta para estes/as, por ser esta innecesaria". Lembran que ”. Lembran que dita actuación precisou dun “cambio de uso” dunha parcela anexa ao hospital e está previsto un orzamento próximo aos 600.000 euros.