CIG-Saúde reclama que o SERGAS adquira Povisa para garantir atención sanitaria pública a toda a área de Vigo
Traballadores/as de Povisa, representantes da CIG-Saúde e da executiva confederal da CIG, entre eles o secretario xeral, Paulo Carril, concentráronse esta mañá diante da consellaría de Sanidade para exixir ao SERGAS a adquisición de Povisa, antes de que remate o período de valoración da operación por parte da Comisión Nacional do Mercado da Competencia, polos 24 millóns que vai pagar a filial da multinacional Centene Corporation, Ribera Salud, garantindo o mantemento dos postos de traballo e o servizo sanitario público para a Área Sanitaria de Vigo.
Así o explicaba no decurso da concentración a representante da CIG no comité de empresa de POVISA, María Xesús Neira, quen cuestionou as afirmacións do conselleiro de Sanidade, en sede parlamentaria, respecto das garantías que ofrece esta empresa no relativo ao mantemento dos postos de traballo e as condicións, mais tamén respecto dos supostos investimentos que ten previsto facer a multinacional no centro hospitalario. “Seguramente si pero se vai investir en maquinaria, en modernizar o edificio e sobre todo na parte privada. Van tratar de que os privados aumenten, que é onde realmente queren meter. No que é a parte SERGAS imos seguir igual ou peor”, afirmou.
Neira cuestionou tamén que non só o PP, senón tamén o PSOE e a propia CCOO non se opoñan á venda e limiten as súas demandas a que se garanta o emprego e se negocie o convenio colectivo.
A este respecto preguntouse “onde quedan garantidos os postos de traballo e a negociación do noso convenio colectivo. Centene ten cartos, vai investir, pero non nos traballadores, vai investir no seu negocio. E vai apretarlle as porcas ao SERGAS co novo concerto e o van facer porque eles son poderosos e nos van poñer a nós enriba da mesa como moeda de cambio e vai ser así e irán despedindo ao persoal e metendo aquela xente que nun principio non lle causen problemas nin lle fagan fronte. Iso é o que vai pasar en Povisa, vaia a haber despedimentos, témolo claro”.
Neste sentido, Manuel Moreira, da CIG-Saúde de Vigo, advertiu que non só se van utilizar ás traballadoras e traballadores como moeda de cambio, senón tamén “ás 137.000 persoas que están sendo atendidas con cartos públicos e para as que non hai unha alternativa para darlle asistencia sanitaria, porque o PP, nos sucesivos gobernos á fronte da Xunta de Galiza, xa planificou o sistema sanitario para condicionalo a este modelo de cara á privatización. Isto vai obrigar ao SERGAS a negociar con eles”.
Para Moreira esta “forte ameaza” debería ser aproveitada como “unha oportunidade” para recuperar POVISA, “un hospital con máis de 400 camas, unha escola de enfermería, unhas instalacións preparadas”, por 24 millóns. “Podemos xestionalo nós, por primeira vez na área de Vigo, e deixamos así de ser prisioneiros de POVISA que nos condicionou, desprendéndonos dun parásito que cos cartos públicos incrementa o seu negocio privado. Gastemos os cartos dentro da casa, xestionémolos nós porque a resposta para Vigo non poden ser parches”.
Ribera Salud vinculado á corrupción en Valencia
Xunto a isto a secretaria nacional de CIG-Saúde, María Xosé Abuín, denunciou a vinculación de Ribera Salud coa corrupción en Valencia. Lembrou que xestionaba o hospital de Alzira e que tivo que ser revertido á sanidade pública polas reiteradas denuncias que tivo, e insinuou intereses escuros, afirmando que “Ribera Salud apareceu da man do propio Partido Popular”.
Abuín lembrou ademais, que os sindicatos en Valencia tampouco se sumaron á demanda de que o hospital de Alzira fora asumido polo sistema público de saúde da comunidade o que mesmo obrigou ás traballadoras e traballadores a constituírse nun sindicato propio para poder canalizar as súas demandas.