CIG-Saúde reclama o recoñecemento do dereito do persoal do Sergas ao permiso de até 3 días por enfermidade leve
A secretaria nacional de CIG-Saúde, María Xosé Abuín lembra que coa aprobación da lei 1/2012, do 29 de febreiro, de medidas temporais, impúxose unha redución do 50% do salario das/os empregadas/os públicos nos 3 primeiros días de I.T, que foi ratificada coa Lei de Emprego de Galiza. Unha penalización retributiva por enfermar que non aplicará a consellaría de Educación ao seu persoal.
“Congratulámonos con esa decisión”, sinala Abuín, quen denuncia que porén “as traballadoras e traballadoras/es do SERGAS, que tamén somos empregadas e empregados da Administración Pública Galega, ficamos expresamente excluídos da aplicación flexible da lei”.
Explica que o persoal dependente da consellaría de Sanidade ten que presentar o parte de IT desde o primeiro día de ausencia por enfermidade, e que o SERGAS procede ao desconto na nómina do 50% do salario por eses días.
Por iso entende que é incomprensible que a lei se aplique de forma distinta en función da consellaría para a que se traballe e denuncia a “especial dureza coa que impón o SERGAS estes recortes néganse rotundamente a negociar unha aplicación máis flexible da norma”.
A isto engade que “non podemos esquecer que o traballo do persoal do SERGAS faise en contacto con persoas enfermas, polo que, por responsabilidade na prestación do servizo, as veces é imposible acudir ao traballo para non causar un mal maior”.
Para Abuín o problema é que á Administración “isto dálle igual, a calidade na prestación é o de menos, o importante é penalizar as/os traballadoras/es”.
Diante desta situación, a CIG-Saúde exixe que, de inmediato o persoal do SERGAS teña dereito a 3 días por enfermidade, con xustificación médica, sen perda da súa retribución.