CIG-Saúde reclama medidas para corrixir as altas temperaturas no centro de saúde de Quiroga e máis servizos
A CIG-Saúde de Monforte reclámalle a EOXI que, de inmediato, adopte medidas para corrixir as elevadas temperaturas que se rexistran no centro de saúde e no PAC de Quiroga, e que dote de persoal traballador social e dun servizo de fisioterapia á Atención Primaria desta localidade. Ademais, a federación de Saúde rexeita que, por primeira vez, se peche da consulta médica do consultorio de Currelos (no Saviñao) durante a primeira quincena de xullo.
A respecto das temperaturas no centro de saúde e PAC de Quiroga, explican que a pesar das denuncias e advertencias trasladadas pola CIG tanto no comité de Atención Primaria, como no de seguridade do Hospital de Monforte, e das denuncias presentadas na Inspección de Traballo, a Xerencia da área sanitaria non adoptou ningunha medida para corrixir esta situación. Ao contrario,a CIG-Saúde critica a Xerencia fixo caso omiso do requirimento da Inspección e incluso esperou a colocar os sensores de medición "xusto cando baixaron as temperaturas".
Vicente Vázquez, responsábel da CIG-Saúde de Monforte apunta que nos meses de xullo e agosto do pasado ano acadáronse temperaturas de até 31 graos dentro da instalación sanitaria e en moitos días superáronse os 27 graos. Porén, conforme ao RD 486/1997, os centros sanitarios teñen que ter en inverno unhas temperaturas de 20 e 24 graos e de 23 e 26 graos no verán e unha humidade do 30/70%, "valores que con creces se superaron".
Alerta ademais que este exceso de temperatura ten consecuencias directas sobre as persoas doentes. Así, na denuncia á Inspección de Traballo presentada en abril pasado, a CIG-Saúde Monforte advertía de pacientes que acudiron o verán pasado ao centro por patoloxías graves "que se agravaron pola calor que facía, empeorando o seu proceso de urxencia e creado situacións de risco".
Por iso, rexeita o modo de actuar da administración sanitaria á que acusan "de non ter ningunha consideración polos pacientes e o persoal traballador deste centro de saúde".
Praza de traballo social e fisioterapia
Por outra banda, a CIG-Saúde solicita a creación dunha praza de traballo social no servizo de AP de Quiroga (que cubre tamén os concellos de Ribas de Sil e Folgoso do Caurel) xa que é un dos poucos da provincia que carece desta figura. A traballadora social que teñen asignada de referencia é a de Monforte de Lemos, que ten un cupo de máis de 30.000 habitantes, a onde se teñen que desprazar os e as doentes cando precisan facer unha tramitación.
A central nacionalista ten pedido en varias ocasións no Comité de Atención Primaria a creación desta praza, pero en todas as ocasións "foi rexeitada alegando que os e as pacientes están atendidas polas traballadoras sociais dos concellos, "cousa que é mentira porque moitos trámites teñen que ser feitos pola traballadora social de Monforte de Lemos".
Cuestión similar acontece coa fisioterapia. Indica Vázquez que hai anos se creou unha unidade para levar pacientes crónicos e determinadas patoloxías conforme a protocolos establecidos polo Hospital Público de Monforte, mais ao pouco tempo pechouse
Aínda que se solicitou este servizo en varios ocasións e que se crearon unidades nos últimos tempos en Monterroso e Mondoñedo, "a contestación da Xerencia é que o SAP non dá a ratio de poboación de 12.000 habitantes para creala. O que non hai é intención de facelo. O SAP de Chantada ten un cupo duns 9.000 pacientes e o Servizo de Fisioterapia atende pacientes en quenda de mañá e tarde", salienta.
O responsábel local da CIG-Saúde destaca a importancia da rehabilitación nas e nos pacientes e que, de crearse esta unidade, "moitas persoas poderían recibir tratamentos, mellorar as súas patoloxías e non ter que soportar longas listas de esperas". Moitos/as pacientes, para evitar os desprazamentos tan longos, "pagan do seu peto os tratamentos acudindo a unha clínica de Quiroga" e iso sen contar co elevado custe que supón desprazarse todos os días a Monforte para recibir tratamento.
Peche do consultorio de Currelos
Finalmente, a CIG-Saúde rexeita que, por primeira vez, se peche o consultorio de Currelos (O Saviñao) durante a primeira quincena de xullo. Neste período os e as pacientes son atendidas polo persoal médico do centro de saúde de Escairón.
Cómpre ter en conta que O Saviñao "é un municipio con moita dispersión xeográfica e se un médico de Escairón tivera que ir a un domicilio pertencente ao consultorio de Currelos pode haber uns 30km., indo por estradas secundarias e podendo tardar máis de 30 minutos. A iso hai que lle sumar que non coñecen moitas parroquias adscritas a este consultorio e sería moi doado perderse". Polo que cuestiona que podería suceder no caso dunha urxencia vital.