CIG-Saúde reclama información sobre o proceso de estabilización do persoal de enfermería
A CIG-Saúde vén de remitir un escrito á Xerencia da Área sanitaria de Santiago e Barbanza para solicitar información sobre a próxima “fase do proceso de estabilización polo sistema de méritos de enfermeiro/a”, convocada pola resolución do 26 de decembro de 2022.
A CIG-Saúde lembra que a Xerencia, como administración pública, debe actuar segundo os principios reitores de boa fe, obxectividade e transparencia nos procedementos administrativos, “para garantir unha xestión adecuada e responsable sen que en ningún caso se produzan diferenzas de trato discriminatorio”.
Nese sentido, apunta que na lei 20/2021, de 28 de decembro, se recolle que nesta “convocatoria se incluíran as prazas vacantes de natureza estrutural ocupadas con carácter temporal, de forma ininterrompida con anterioridade a 1 de xaneiro de 2016”. Xunto a isto sinala que en distintas reunións da comisión de centro hospitalaria coa Xerencia se solicitou identificar as prazas da convocatoria de méritos do concurso oposición, tal e como consta nas actas.
Reclama, en cumprimento da legalidade, que a selección dese persoal “a través de procedementos que se basearán nos principios de igualdade, mérito, capacidade e publicidade” e subliña, canda isto, que a formación das e dos profesionais ten que facerse de acordo ás características e responsabilidades do posto de traballo “como recollen os plan funcionais ou programas de garantía de calidade dos distintos servizos/unidades”.
Por iso demanda da Xerencia unha explicación motivada respecto das razóns polas que non se informou en tempo e forma á representación das e dos traballadores nin á Xunta de Persoal das prazas ofertadas.
Isto xunto cunha explicación tamén motivada de por que non se informou en tempo e forma ás traballadoras/es das prazas ofertadas nesta convocatoria de méritos e das razóns polas que a formación do persoal de unidades especiais contará cun máximo de 12 días.