CIG-Saúde reclama do Parlamento de Galiza a supresión da taxa de reposición no SERGAS

Denuncian que hai 6.000 prazas vacantes pero só se ofertaron 1.732 na OPE convocada
Nacional - 14 Set 2018

A CIG-Saúde vén de dirixirse a todos os grupos parlamentarios para demandar a supresión da taxa de reposición no Servizo Galego de Saúde. Asegura que hai 6.000 prazas vacantes no sistema, pero que só se ofertaron 1.732 na OPE convocada pola Xunta de Galiza, o que provoca unha insuficiencia de recursos humanos e precariza as condicións laborais do persoal.

Segundo lembra a secretaria nacional de CIG-Saúde, María Xosé Abuín, o decreto 206/2005 de provisión e selección de persoal estatutario do SERGAS di que nos concursos de traslado convocaranse o 100% das prazas vacantes do sistema. Por iso no concurso de traslados de 2018 ofertáronse arredor de 6.000 prazas.

Este mesmo decreto di tamén que o 100% que previamente se ofertaron para o concurso de traslado e que quedaron vacantes en distintos destinos teñen que ser as ofertadas na OPE.

Porén, “a Xunta de Galiza, no canto de abrir unha oferta de emprego para dar cobertura a esas 6.000 prazas, só ofertou 1.732”, denuncia Abuín, para quen “isto dá unha idea da falta de persoal que ten o noso sistema sanitario público. Unha situación que é consecuencia directa da taxa de reposición que se nos impón”.

Precariedade laboral

O máis grave, para a secretaria nacional de CIG-Saúde, é que esas 6.000 prazas son cubertas por persoal interino e faltan prazas estruturais, cubertas ou non con contratos eventuais que non saen na oferta. A consecuencia disto é que “temos un sistema sanitario infradotado de persoal e cunha importante parte do que traballa no SERGAS en situación de precariedade laboral”.

Taxa de reposición

A secretaria nacional de CIG-Saúde asegura que é a taxa de reposición a que está impedindo que no SERGAS se incorporen novas/os profesionais para dar cobertura a esas prazas vacantes producidas no sistema.

Taxas de reposición que foron do 10% nos anos 2010/11/12/13/14; do 50% no ano 2015 e a partires do ano 2016 do 100% “con fraude, porque só se repoñen o 100% das prazas vacantes producidas no ano anterior, non o total das prazas que quedaron vacantes no sistema”, matiza.

Vulneración de competencias

Esta taxa de reposición mantense, segundo a CIG-Saúde, a consecuencia do acordo sindical asinado en Madrid polas organizacións sindicais estatais e o goberno do PP, que “o impuxeron como norma básica de obrigado cumprimento en todo o Estado vulnerando, deste xeito, as competencias das Comunidades Autónomas e as dos Servizos de Saúde”.

Por iso Abuín cuestiona “como é posible que desde Madrid se xestione o cadro de persoal do SERGAS, se Galiza ten a competencia en materia sanitaria e a responsabilidade da asistencia sanitaria é súa”.

Acordo parlamentario

Diante desta situación a CIG-Saúde urxe un acordo parlamentario para que se aprobe unha Proposición de Lei dirixida ao goberno do Estado en demanda de que se remate coa fórmula de cómputo da taxa de reposición e que se inclúa nos orzamentos do Estado do ano 2019 a previsión de cobertura de todas as prazas vacantes.

Xunto a isto demanda que o Parlamento inste á Consellaría de Sanidade para que, unha vez anulada a fórmula de cómputo da taxa de reposición, sente a negociar na mesa sectorial do SERGAS, un plano de emprego para recuperar todas as prazas vacantes do Sistema Público de Saúde.

Ademais solicita que se o goberno do Estado español non acepta retirar a fórmula de cómputo da taxa de reposición, a taxa de reposición non teña carácter de norma básica, para que non invada as competencias da Xunta de Galiza.

Prazas

Os datos relativos ás prazas ofertadas están na web do SERGAS, no apartado de emprego público. A isto a CIG Saúde engade os datos que ten neste intre, onde faltan aínda os das/os facultativos de hospitais, dos que disporá no próximo concurso de traslados.

Oferta prazas concurso traslados 2017. Prazas cubertas con persoal interino.

Oferta prazas OPE dos anos 2012/13/14/15/16/17.

Prazas que faltan sen contar as prazas estruturais cubertas con eventuais

Médicxs de familia: 409 prazas

Médicxs de Familia  323 prazas OPE

Faltan 83 prazas das cubertas con interinidade

Pediatras de atención primaria: 103 prazas

Pediatras  10 prazas OPE.

Faltan 93 prazas.

Matronas: 84 prazas

Matronas 7 prazas OPE.

Faltan 81 prazas

Enfermeiras/os:1.761 prazas

Enfermeirxs 1.035 prazas OPE

Faltan 726 prazas

TCAEs: 1.172 prazas

TCAEs  490 prazas OPE

Faltan: 682 prazas

Celador/a: 516 prazas.

Celadoras/es 390 prazas OPE

 Faltan 126 prazas