CIG-Saúde reclama da Xerencia do HULA que informe sobre apertura ou ampliación dos servizos
A CIG-Saúde vén de amosar o seu malestar pola falta de comunicación dende a Xerencia do HULA a respecto da apertura ou ampliación da carteira de servizos do hospital de Lugo. "Coma sempre, lamentan, esta organización sindical ten que coñecer pola prensa" dos cambios no centro. Así aconteceu coas informacións aparecidas estes días nos medios sobre a apertura de Hemodinámica as 24 horas. Unha demanda que a central sindical e os/as usuarios/as levan anos reclamando.
"Non pedimos a información para romper a primicia do conselleiro, senón porque como representantes legais dos/as traballadoras temos dereito a coñecer calquera información relativa tanto á carteira de servizos como á contratación e condicións do persoal", afirma Carme Aira, secretaria comarcal da CIG-Saúde.
Tras coñecer polos medios a decisión de ampliar o servizo de Hemodinámica ás 24 horas, Aira solicita da Xerencia que informe da dotación de persoal desta unidade, canta xornada complementaria terá que realizar o persoal facultativo e o número e organización do persoal de enfermería.
Unha apertura repartida "estratexicamente"
A Federación de Saúde critica o uso político que se fixo coa esta unidade "repartindo estratexicamente en porcións a súa apertura", pois até agora Hemodinámica permanecía pechada de dez da noite a oito da mañá e os/as pacientes infartados/as tiñan que ser trasladados/as a outros hospitais, como o da Coruña. "Segundo parece en Lugo morremos o mesmo por causa dun infarto, con independencia da demora na asistencia, ou iso se nos dixo cando a unidade abriu de tarde, que estábamos na media galega", escusa que se utilizou para non ampliar o horario a todo o día.
A este respecto, subliña que "non fai falta ser ningún experto/a" para descubrir que o óptimo para garantir a asistencia adecuada é que a Hemodinámica abra as 24 horas do día "e non 14 horas ou só pola mañá".
Aira ironiza co "acaído" do anuncio e trasládalle os "parabéns ao conselleiro polo inicio da campaña electoral para as municipais en Lugo" e á poboación "xa que agora poderemos ter determinado tipo de doenzas cardíacas fóra de hora".