CIG-Saúde reclama a xubilación anticipada aos 60 anos do persoal da sanidade pública no novo Estatuto Marco
A Lei Xeral da Seguridade Social, no seu artigo 206, Xubilación anticipada por razón da actividade, contempla que a idade mínima de acceso á pensión de xubilación poida ser rebaixada naqueles grupos ou actividades profesionais cuxos traballos sexan de natureza excepcionalmente penosa, tóxica, perigosa ou insalubre e teñan elevados índices de morbilidade ou mortalidade.
Estas condicións están presentes nas traballadoras e traballadores da sanidade pública, como se demostra coa elevada incidencia de baixas laborais a partires dos 55 anos.
Entre as traballadoras e traballadores da sanidade pública hai colectivos cunha longa vida laboral, con anos de cotización que exceden, con moito, os necesarios para acceder á pensión máxima, e que tamén deben ter o dereito a xubilarse aos 60 anos, xa!
A lei recolle que, cando o procedemento de redución da idade de xubilación afecte o persoal das administracións públicas, a iniciativa corresponderá conxuntamente ás organizacións sindicais máis representativas e á administración da que dependa o colectivo.
É por iso que CIG-Saúde insta ao goberno do Estado a recoñecer, no novo Estatuto Marco, o dereito á xubilación anticipada aos 60 anos do persoal da sanidade pública.
A xubilación anticipada non pode estar condicionada pola situación dos cadros de persoal actuais ou futuros, que dependen de decisións políticas que non poden, en ningún caso, vulnerar os dereitos do persoal.