CIG-Saúde reclama a publicación das listas de contratación do persoal facultativo e a convocatoria da Mesa Sectorial
A CIG-Saúde reclama a publicación inmediata das listas de contratación do persoal facultativo e a convocatoria da Mesa Sectorial para abordar, entre outras cuestións, as necesidades das unidades de hospitalización, UCI e Atención Primaria en relación á COVID-19; e a necesaria mudanza na política laboral que remate coas condicións de precariedade nas que se realizan os contratos e poder dar estabilidade aos equipos de traballo.
Unha demanda que reviste maior urxencia tras o anuncio da Consellaría de Sanidade de prorrogar por un ano os contratos MIR e EIR como reforzo, o que implicará que o SERGAS non publique as listas de selección temporal e polo tanto que non se oferten os contratos de médicas e médicos de hospital os traballadores e traballadoras inscritos nestas listas e que levan anos sufrindo unha total precariedade laboral.
A CIG-Saúde leva tempo denunciando que a prórroga que se lle fixo ao persoal MIR e EIR non estaba sendo utilizada no sentido que recollen as ordes do Ministerio de Sanidade -como persoal de “reforzo”-, senón que se utiliza para cubrir ausencias de médicos/as de Primaria, Enfermería, Matronas, Psicoloxía Clínica, etc., que deben ser cubertas a través das listas de contratación do SERGAS. "Non estamos en contra da contratación, o que reclamamos é que se faga cumprindo o acordo de selección temporal e tendo en conta ao persoal que xa está nas listas de contratacións", aclara a secretaria nacional da CIG-Saúde, María Xosé Abuín.
Transparencia na contratación
A este respecto sinala que os chamamentos a través destas listas ofrecen transparencia na contratación, que se respecten os principios de igualdade, mérito e capacidade, e que os contratos se oferten pola orde de prelación e non mediante criterios subxectivos. Non obstante, no documento remitido ao Ministerio de Sanidade para solicitar pasar á fase 1, a Consellaría recolle a contratación por un ano do persoal MIR e EIR que remate o 28 de maio do 2020. "Contratación que vai pasar por riba de todo o persoal inscrito nas actuais listas de contratacións", advirte Abuín.
Neste senso, critica que o SERGAS utilice as/os traballadoras/es da sanidade pública "como un obxecto máis para a campaña electoral de Feijoo", pois aínda que queda moi ben dicir que se vai contratar ao persoal MIR e EIR por un ano, "esqueceron pór no documento remitido a Madrid que o resto de persoal, que leva anos sufrindo precariedade laboral, non vai traballar".
Abordar as necesidades de persoal e rematar coa precariedade
Diante disto, a CIG-Saúde solicita, unha vez máis, a convocatoria dunha reunión monográfica de Mesa Sectorial para abordar as necesidades de persoal no SERGAS, cunha referencia concreta á cobertura das unidades de hospitalización, UCI e Atención Primaria en relación á COVID-19. E para que se negocien unhas condicións laborais dignas para todo o persoal.
A este respecto, a central sindical reclama rematar xa coa taxa de reposición inxustamente aplicada dende o ano 2010; a convocatoria do 100% das prazas vacantes na próxima oferta de emprego; cubrir as vacantes que se produzan con vínculo de interino mais non a través de contratos de acumulacións de tarefas; e aplicar o principio de causalidade nas contratacións.