CIG-Saúde protesta en Lugo pola denegación de permisos ás enfermeiras/os e alerta da falta de especialistas no Hospital de Monforte
A CIG-Saúde de Lugo realizou unha primeira concentración esta venres ás portas do Hospital Lucus-Augusti en rexeitamento á denegación sistemática dos permisos ao persoal de enfermería, a que non se lle permite nin sequera gozar dos días de libre disposición adebedados do ano pasado.
Denuncia a CIG-Saúde de Lugo que no resto dos centros da EOXI, incluída a Atención Primaria, "non existen estes problemas de denegación de permisos". Advirten que esta situación, "que mantén as traballadoras sempre na incerteza de se van poder gozar ou non os permisos que lle corresponden por lei", se volveu insostíbel hai xa tempo.
Por iso, reclámanlle á dirección que, "se existe un problema de substitucións, teñen a obriga de solucionalo" e favorecer outras medidas como poden ser a autocobertura coa correspondente compensación.
CIG-Saúde Monforte advirte que faltan especialistas
Doutra banda, a CIG-Saúde de Monforte saíu hoxe ao paso das declaracións realizadas polo conselleiro de Sanidade asegurando que se vaian destinar 21 novos médicos e médicas para o hospital comarcal. Aclaran que desas 21 prazas que anuncia, 16 xa están ocupadas por persoal que agora deixará de estar en situación de interinidade para ter a praza en propiedade. Unha estabilización, apuntan, que a central nacionalista leva anos demandando.
Porén, alertan que, do persoal que se debería incorporar ao hospital "vemos claramente que a intención é amortizar unha praza de rehabilitador e outra de pediatría, xa que nin sequera se convocan e faltan dúas de cada especialidade". Xunto a isto, Vicente Vázquez, delegado da CIG-Saúde, denuncia que en Atención Primaria tamén se amortiza a praza do centro de saúde de Pantón.
Sobre o resto de profesionais que se precisan, Vázquez subliña que falta persoal en numerosas categorías, como enfermería, onde se require un incremento de persoal urxente, sobre todo na quenda de noite, "tendo en conta que o Hospital de Monforte é o único de toda Galiza que ten unha soa enfermeira/o par atender 28 camas".
Critica ademais que se vaian cesar dous técnicos de laboratorio entre este mes e o seguinte, aínda que son totalmente necesarios debido ao aumento das cargas de traballo. A isto engádense as ameazas de cesar a 2 TCAE e 3 celadores/as do servizo de urxencias.
Reforzo do persoal celador no servizo de raios de urxencias do CHUAC
O deterioro na sanidade pública déixase sentir en todas as áreas sanitarias. Este xoves, a Comisión de Centro do CHUAC continuaba co calendario de mobilizacións para reclamar un reforzo inmediato do persoal celador no servizo de raios de urxencias do Hospital da Coruña e unha modernización dos equipos de radiodiagnóstico.
"É preciso o incremento desta categoría nas quendas de mañá e tarde, os efectivos son insuficientes para dar unha atención axeitada ás e aos doentes provocando o amoreamento dos mesmos nas salas de espera de raios", denunciaron na mobilización.
A secretaria da CIG-Saúde da Coruña, María Formoso, explica que a unidade se divide en tres áreas (portátil, TAC e radioloxía xeral), "pero en lugar de ter o persoal suficiente nas distintas áreas, esta Xerencia emprega esta categoría profesional coma peóns de xadrez".
A modo de exemplo, apunta, na sala de radioloxía xeral de Urxencias "hai un só celador en quenda de mañá. Como o recurso é insuficiente e para atender o volume de traballo, mobilízanse os celadores de TAC e portátil diminuíndo así os efectivos de estrutura desas dúas unidades. Unha organización marabillosa", ironiza.
Na quenda de tarde o volume de traballo increméntase, contando cun celador que "reforza" as tres áreas á vez (portátil, TAC e radioloxía xeral). "En resume, na contra de ter o persoal suficiente nos distintos sitios, a Xerencia dedícase a mover o persoal provocando os colapsos das salas de espera e o conseguinte deterioro na atención ás persoas doentes".