CIG-Saúde proponlle ao Sergas reformar as plantas do Hospital da Mariña en dúas fases para evitar ingresos no HULA
A CIG-Saúde reitera á petición ao Sergas para que modifique a planificación das obras de ampliación do Hospital da Costa para evitar así a falta de camas operativas e as consecuentes derivacións e ingresos de doentes da Mariña no Hospital de Lugo. Para lograr isto, a central sindical propón que a reforma integral das plantas de Cirurxía e Traumatoloxía do edificio “antigo” se realicen en dúas fases consecutivas.
“Coa nosa proposta cumpriríanse dous obxectivos: dunha banda garantir a asistencia sanitaria na comarca, evitar os ingresos no HULA e o trastorno que supón para os/as doentes ter que trasladarse a máis de 100km. E por outra banda, fomentaríase a creación de emprego, pois é necesario contratar a máis persoal para poder atender adecuadamente as camas abertas”, subliñan.
Así, nunha primeira fase acometeríase a reforma integral dunha das dúas plantas (Cirurxía ou Traumatoloxía), mantendo abertas as 30 camas da outra planta, mentres non remate a reforma e estea plenamente operativa a planta en obras. Ademais, habería que dotar ao hospital co persoal suficiente para atender esas 30 camas.
Nunha segunda fase, procederíase a apertura da planta reformada, á dotación de persoal para atender as camas resultantes tras da obra, comezando entón a reforma integral da outra planta.
Deste xeito,“sempre teríamos máis camas dispoñíbeis e evitaríanse os ingresos no HULA”. A CIG-Saúde da Mariña defende que esta é unha opción viábel, “pero fai falta vontade política e contratar o persoal necesario”. Por iso, apuntan “agora debe ser o SERGAS quen explique o motivo de que non sexa viábel unha reforma en dúas fases e por que son os/as pacientes e as súas familias quen teñen que sufrir e pagar unha nefasta planificación”.