CIG-Saúde promove unha Iniciativa Popular para recuperar os salarios do persoal do SERGAS
A CIG-Saúde presentou esta mañá, en rolda de prensa, a Proposición non de Lei de Iniciativa Popular, para reclamar a recuperación dos acordos retributivos do persoal do SERGAS, suspendidos en 2010 e que aínda non foron recuperados.
Segundo explicou o secretario nacional, Manuel G. Moreira, trátase de recuperar o complemento específico, que configura unha retribución complementaria cuxa contía vén determinada polo goberno galego e que está destinado a retribuír as condicións particulares dalgúns postos en atención á súa especial dificultade técnica, dedicación, responsabilidade, incompatibilidade, perigosidade ou penosidade.
Moreira lembrou ademais que desde a transferencia do sistema sanitario á Xunta de Galiza, o persoal do SERGAS vén demandando percibir a mesma contía retributiva, por ese concepto, que a asignada ao resto do persoal funcionario da Xunta, recollida na Orde de nóminas do persoal ao servizo da administración autonómica.
Nese sentido apuntou que “a diferenza de soldo entre unha persoa funcionaria, cunha prestación de servizo de luns a venres e desde as 8:00 horas até as 15:00 horas, e unha persoa da sanidade, cunha prestación de servizos en quendas –mañá, tarde ou noite, incluídos domingos e feriados, é superior, de media, a máis de 200€ mensuais”. Unha diferenza que, sinalou, “é doada de comprobar na orde de nóminas do persoal da Xunta de Galiza”
Suspensión dos acordos retributivos
O secretario nacional de CIG-Saúde sinalou que a finais de 2008 foi publicado o acordo 2008-2012 para a mellora das condicións de traballo e retributivas do persoal estatutario do Servizo Galego de Saúde e que, de feito, froito dese acordo, o persoal do SERGAS percibiu o incremento correspondente aos anos 2008 e 2009. Porén, denunciou, “coa chegada do PP ao goberno, foi suspendido”.
O goberno do PP na Xunta xustificou esa decisión “debido ás circunstancias económicas excepcionais” pero non fixo intento algún por recuperalo malia anunciar que a crise económica estaba superada.
Desde ese momento a CIG-Saúde reclamou que se abordara esta cuestión na mesa sectorial, nun intento de abrir un marco de negociación co SERGAS que foi imposible por mor da negativa sistemática da consellaría de Sanidade. Unha situación que obrigou á central sindical a levar, pola vía da Proposición non de Lei de Iniciativa Popular, este tema ao Parlamento.
A este respecto, Moreira adiantou que a CIG-Saúde se vai dirixir tamén a todos os grupos parlamentarios para que fagan súas estas demandas co obxectivo de que o Parlamento de Galiza inste á Xunta de Galiza a negociar na mesa sectorial do SERGAS un calendario de rehabilitación dos Acordos suspendidos no ano 2009 e que se rehabiliten as retribucións do persoal do SERGAS.
Para garantir o equilibrio financeiro e facilitar un acordo, a CIG-Saúde propón tamén que a recuperación das retribucións se faga en máis dun exercicio parlamentario, previa negociación, no marco da mesa sectorial do SERGAS. Unha negociación que entende que debería de se iniciar xa este mes de xuño e rematar á maior brevidade posíbel, para que os orzamentos do ano 2023 recollan a primeira anualidade de rehabilitación dos dereitos suspendidos.
A central sindical solicita ademais do parlamento de Galiza que inste a que o acordo acadado na mesa sectorial sexa ratificado no primeiro Consello de Goberno que se celebre con posterioridade á sinatura do acordo de rehabilitación de dereitos suspendidos, para a súa posterior publicación no Diario Oficial de Galiza