CIG-Saúde prevé o peche dunhas 1.200 camas durante o verán nos hospitais galegos
A CIG-Saúde denuncia que as Xerencias das Áreas Sanitarias comezaron xa a comunicar o número de camas que teñen previsto pechar durante os meses de verán que, como en anos anteriores, chega en algúns casos a estenderse até o mes de outubro.
A falta de datos oficiais que confirmen o número definitivo de camas e servizos que pecharán en todas as áreas sanitarias, todo indica que será similar ao de anos anteriores: unhas 1.200 en total.
Con todo, para a secretaria nacional de CIG-Saúde, María Xosé Abuín, é especialmente rechamante que na área sanitaria de Vigo, “unha das que ten as máis longas listas de agarda, se manteña o Hospital do Meixoeiro case desmantelado, con unidades pechadas permanentemente e que agora se incrementa co peche das unidades que están en activo”.
De feito neste centro hospitalario, que ten un total de 343 camas, o número das pechadas vai ser maior que o das que van permanecer abertas, que serán só 163 (o 47,52%). “Coa demanda asistencial desta área sanitaria é unha irresponsabilidade tomar esta decisión, como xa o foi a de non volver a abrir 60 camas de cirurxía desde a posta en funcionamento do Álvaro Cunqueiro”.
Para a CIG-Saúde estamos diante dun “peche patronal no que o conselleiro, que actúa como Xerente desta empresa, só utiliza o argumento de que isto vén motivado polas vacacións do persoal”. Fronte a isto, Abuín lembra que “as traballadoras e traballadores só gozamos dun mes de vacacións, non catro, e que só ten que mirar o número de persoas que están inscritas nas listaxes de contratación para comprobar que hai relevo abondo para contratar en ausencia do persoal que marcha de vacacións”.
Para a CIG-Saúde, se no se pecharan camas e se contratara a este persoal estariamos mellorando, aínda que sexa temporalmente, os datos de desemprego, facilitando que, cando menos, este persoal puidera ter un contrato de catro meses. “Deste xeito garantiríase ademais que as e os doentes reciben a atención adecuada no prazo prescrito en función da súa patoloxía”.
A secretaria nacional de CIG-Saúde asegura que “non hai razóns técnicas nin asistencias que xustifiquen este peche dado que nin o propio conselleiro non é capaz nin de esgrimilas”. Porén, denuncia que “ao final do verán asistiremos a unha nova publicación dos datos das listas de agarda o suficientemente maquilladas como que pareza que malia este peche melloran”.