CIG-Saúde reclámalle ao presidente da Xunta que atenda as demandas do persoal da Atención Primaria

Traballadoras/es dos centros de saúde e PAC concentráronse ás portas de San Caetano nunha nova xornada de folga
Nacional - 09 Abr 2026

Traballadoras e traballadores da Atención Primaria concentráronse este venres ás portas do complexo administrativo da Xunta en San Caetano para exixirlle ao presidente Rueda que atenda as demandas do persoal, que leva meses mobilizándose por melloras laborais e na atención que se presta á cidadanía. A protesta desenvolveuse no marco da nova xornada de folga convocada pola CIG-Saúde en resposta á crítica situación da Atención Primaria e á falta de diálogo coa Consellaría de Sanidade.

Aproveitando a concentración, a CIG-Saúde rexistrou un escrito dirixido ao presidente da Xunta solicitándolle que asuma as súas responsabilidades como máximo representante do Goberno galego, inste á Consellaría de Sanidade a abrir un proceso de negociación “real, efectivo e de boa fe” e que, dunha vez, se atendan as demandas formuladas pola central sindical máis representativa no ámbito da sanidade pública.

A Consellaría non quere negociar

A secretaria nacional da CIG-Saúde, Ana Lestón, criticou que malia o compromiso adquirido na anterior xornada de folga do 26 de marzo, “Sanidade non nos convocou aínda para seguir negociando, incumprindo así as súas obrigas legais. Está claro que a Consellaría non quere negociar coa CIG e así é imposíbel chegar a acordos”.

Lembrou que na reunión do 25 de marzo entre o comité de folga e o SERGAS non se produciu ningún avance porque a administración se limitou a escoitar os 23 puntos da táboa reivindicativa da CIG, mais sen facer propostas concretas nin achegar solucións.

“Cómpre reforzar todas as categorías profesionais, garantindo equipos completos en todos os centros. Hai listas nas que non existen problemas de efectivos, como as áreas administrativas ou fisioterapia, pero non se contrata máis persoal por unha decisión política”, salientou.

Xunto a isto, Lestón reclamou limitar a sobrecarga asistencial, estabelecendo límites claros no número de pacientes por profesional; mellorar as condicións de traballo e retributivas de todas as categorías; reducir a burocracia e implementar a organización do sistema “para poder centrar a atención no que realmente importa: as persoas”.

Porén, a administración escúdase na existencia de grupos de traballo – nos que os sindicatos non teñen presenza- para bloquear a aplicación das melloras laborais e organizativas precisas.  “As conclusións deses grupos, que en teoría se van presentar no primeiro semestre deste ano, chegarán á Mesa Sectorial en forma de imposición, que é a maneira de actuar que ten esta Consellaría”, lamentou.

A CIG pide a retirada do decreto de PAC

Así aconteceu co “decretazo” de modificación do horario dos PAC, que empeora as condicións de traballo sen ningunha contraprestación para o persoal.

A secretaria nacional da CIG-Saúde salientou que a mobilización do persoal obrigou a adiar a súa aplicación e a estabelecer un sistema de voluntariedade temporal, que a central nacionalista non asinou “porque se limita a ofrecer incentivos para facer máis horas e dar máis poder ás xerencias, pero non soluciona nin a sobrecarga nin as pésimas condicións de traballo”.

Fronte a isto, Lestón reafirmou que a CIG continuará mobilizándose en defensa dunha Atención Primaria forte, con recursos suficientes, con persoal e con condicións laborais dignas. E advertiu que, de non corrixirse, o actual modelo pode comprometer seriamente o futuro da Atención Primaria, que é a porta de entrada ao sistema sanitario público.