CIG-Saúde pregúntase a onde foron os 73 millóns € destinados ao concurso para dotación de alta tecnoloxía os hospitais do SERGAS
Hoxe mesmo publicábase na prensa que en breve comezará a funcionar a área de oncoloxía radioterápica do HULA con equipamentos de última xeración doados pola Fundación Amancio Ortega.
A finais de 2015 anunciábase tamén, que esta mesma fundación viña de facer outra doazón, nese caso de 17 millóns de euros, para a adquisición de novos mamógrafos dixitais en 16 centros do SERGAS.
A CIG-Saúde pregúntase que se fixo logo cos 73 millóns de euros da contratación anunciada no BOE, hai menos de tres anos; que parte dese contrato se cumpriu; que se contratou e con que empresas e que pasou cos equipamentos pendentes de adxudicar dado que “os aceleradores lineais de máis de 10 anos, por exemplo, terían que ser renovados, entre outros equipamentos de alta tecnoloxía”, afirma María Xosé Abuín, secretaria nacional de CIG-Saúde.
Lembra que no seu momento este investimento foi anunciado polo propio Presidente da Xunta como o maior investimento –e sen precedentes na historia- na sanidade pública galega.
Abuín lamenta que “para dotar os centros do SERGAS do equipamento de alta tecnoloxía necesario haxa que depender de doazóns benéficas que, aínda por riba, veñen dunha multinacional á que se lle lava a cara con estas accións de carácter humanitario, mentres non se lles obriga a tratar con dignidade ao seu persoal e a tributar o que lle correspondería se houbese un sistema fiscal e redistributivo realmente progresivo”.
Para a secretaria nacional de CIG-Saúde dese xeito o SERGAS disporía dun financiamento suficiente para poder dotar de todo este material aos centros hospitalarios para atender as necesidades sanitarias da poboación.