Piden crear fisioterapia no centro de saúde de Monforte para reducir a longa lista de agarda do hospital
A CIG-Saúde de Monforte solicitou a creación dun servizo de fisioterapia no centro de saúde para dar cobertura a poboación e aliviar a lista de agarda que existe no Hospital comarcal. Lembran que o SERGAS ten concertada cun clínica privada os servizos de fisioterapia e logopedia, mais a empresa non está cumprindo o contrato.
Neste senso, dende a CIG-Saúde explican que o contrato estabelece que a clínica JR Meilán atenderá os casos especiais de fisioterapia -como os de crianzas con parálise cerebral-, mais a empresa "non acode a Monforte a pasar consulta dende outubro e os/as pacientes están indo á sanidade privada ou ao Hospital comarcal".
Longa lista de agarda para logopedia
Situación semellante dáse no servizo de logopedia concertado, pois se antes había dúas especialistas agora só hai unha e dende decembro ten horario reducido até ás 18:30 horas. Apuntan dende CIG-Saúde que existe unha longa lista de espera para este servizo e incluso pacientes derivados no mes de marzo "aínda non foron chamados". Ao servizo de logopedia acorden nenos/as e adultos/as con dificultades na fala. E no caso das crianzas trátase de nenos e nenas dependentes de atención temperá e en numerosas ocasións pertencen a familias con baixos ingresos económicos.
"A consulta impartida pola profesional coincide co horario lectivo dos nenos. Iso fai que moitos pais e nais estean levando os nenos e nenas á privada para non que non perdan escola. Pero moitas familias, polos seus baixos ingresos económicos, non poden asumir eses custos e as crianzas están perdendo horario escolar", sinala Vicente Vázquez, delegado de CIG-Saúde.
Vázquez destaca tamén que hai persoas que poden necesitar terapia de logopedia, fisioterapia e terapia ocupacional "o que pode supor un custo de máis de 1.000€".
O SERGAS recoñece que o concerto non funciona
A CIG-Saúde denunciou esta situación na reunión da Comisión de Centros de Atención Primaria de Lugo coa Xerencia e a resposta foi que "están rescindindo o acordo con esta clínica e sacarán outro concerto con outra empresa", aínda sen datas fixadas. A Federación de Saúde pide a axilización na firma e outorgamento no concerto en materia de logopedia, tendo en conta que a clínica pecha en xullo e os/as pacientes quedarán sen atención.
Nesa xuntanza tampouco se ofreceu información sobre as condicións do novo prego pero dende a Xerencia informaron que a clínica actual "nunca funcionou ben nesta localidade" e que o servizo de fisioterapia non ten problema xa que a carga de traballo é asumida polo Hospital de Monforte. Porén, Vázquez lembrou que no Hospital existe unha lista de espera de tres meses para unha cita normal e de dous meses para unha cita preferente.
Ante a resposta da Xerencia, a CIG-Saúde pregúntase para que contratar e pagar entón a unha empresa por un servizo que non presta, cando eses cartos poderían ser destinados á reforzar servizos na sanidade pública.