CIG-Saúde pide a retirada do anteproxecto que suprime as áreas sanitarias do Barco, A Mariña, Monforte e O Salnés
A CIG-Saúde solicita a retirada inmediata do anteproxecto de Lei presentado onte na mesa sectorial do SERGAS, polo que se suprimen as actuais áreas sanitarias do Barco, A Mariña, Monforte e O Salnés. A central sindical entende que o obxectivo do PP con esta reforma é avanzar nas políticas de desmantelamento da sanidade pública -dando cabida á iniciativa privada-, provocar unha perda do número de camas e servizos nos hospitais comarcais, dificultar a accesibilidade aos servizos sanitarios, paralizar a reforma da atención primaria, reducir o número de traballadores/as e precarizar as súas condicións laborais.
Para a CIG-Saúde con esta modificación da Lei de Saúde de Galiza, a Consellaría "está a confundir a xestión integrada, coa modificación do mapa sanitario", xa que se suprimen as actuais áreas sanitarias para crear unhas áreas maiores na súa extensión territorial, afastando deste xeito a resolución dos problemas "da cidadanía e das/os traballadoras/es".
Dificultar a accesibilidade ao sistema
Agora, a planificación sanitaria realízase atendendo as necesidades da poboación, mais con este cambio "a planificación farase en función dos recursos sanitarios existentes, se non hai recursos non hai asistencia", advirte a Secretaria Nacional da CIG-Saúde, María Xosé Abuín. A este respecto, engade que os grandes hospitais de referencia absorberán a maior parte dos recursos sanitarios e a poboación terá que desprazarse desde o seu domicilio até estes centros, que nalgúns casos están a máis de 100 km.
"Lamentamos que a introdución de sistemas de xestión integrada no Servizo Galego de Saúde non teña como obxectivo a mellora da accesibilidade, a eficiencia e a procura da maior calidade das prestacións sanitarias, baseada na atención e centrada no doente. Pois, con esta medida, a Xunta do PP só pretende dificultar a accesibilidade da poboación ao sistema sanitario público", critica Abuín.
Pola contra, a CIG aposta por un decreto de xestión integrada que sirva para vincular a xerencia coa área sanitaria, e utilizar o rango de Lei para crear as Áreas de Verín, Barbanza e Cee, e para habilitar eses distritos hospitalarios como ámbitos susceptíbeis de seren xestionados de forma integrada coa súa primaria.
É dicir, desenvolver unha xerencia de área sanitaria próxima, con funcións de identificación de necesidades de saúde, planificación e xestión asistencial, de saúde pública e saúde laboral e socio-sanitaria. Isto posibilitaría un modelo integral "que favoreza o coñecemento dos problemas de saúde da súa zona e, ao mesmo tempo, a eficacia e a continuidade da atención, co lóxico beneficio para os usuarios e usuarias".
Reforzar a atención primaria
Fronte ás bondades que o Goberno galego atribúe a un anteproxecto de lei que supón unha volta á centralización da xestión e recursos da sanidade pública, a CIG-Saúde denuncia o abandono por parte da Consellaría "do maior proxecto pactado para traballar pola continuidade asistencial": o Plan de Mellora da Atención Primaria.
Neste senso, María Xosé Abuín critica que as actuais EOXIs condicionan de xeito negativo o desenvolvemento da atención primaria, xa que perderon autonomía no desenvolvemento dos seus proxectos e quedaron funcionalmente subordinadas ás estratexias de xestión do centro hospitalario de referencia. "A atención primaria precisa de maior impulso para mellorar a súa calidade, a dotación de persoal e recursos, e acadar un correcto funcionamento da súa carteira de servizos, actualmente subdesenvolvida".
Precarización do emprego
Dende CIG-Saúde tamén se teme que o SERGAS pretenda utilizar a reforma da actual da Lei para o traslado forzoso das/os profesionais e para os desprazamento forzoso entre centros, "cun posíbel cambio da normativa e das regras de xogo na mobilidade voluntaria tanto interna (nos actuais centros) como externa (nos concursos de traslados)".