CIG-Saúde oponse ao contrato de “precariedade” para enfermeiros e enfermeiras do SERGAS
O pasado día 3 de xullo, organizacións sindicais asinaron co SERGAS estender a enfermeiras/os o chamado “nomeamento de continuidade ou estabilidade” do persoal do SERGAS, que incialmente era só para médicas/os. CIG-Saúde rexeita este contrato, que xa provocou a oposición do persoal médico, e denuncia a actuación dos sindicatos asinantes. Lembra que esa comisión é só de seguimento e que a competencia de negociación dese nomeamento é da Mesa Sectorial.
Este nomeamento consolida, segundo a CIG-Saúde, a precariedade laboral e caracterízase por:
- Incrementar a dispoñibilidade horaria e de mobilidade xeográfica das/os enfermeiras/os.
- Non respectar as libranzas. O problema da precariedade non é asinar 20 contratos nun mes, se non que durante eses 20 días prestas servizos en distintos servizos ou unidades e sen ter as túas correspondentes libranzas.
- Non permite ter unha carteleira estable. Non se vai coñecer a totalidade da carteleira mensual, nin os sitios nos que a/o enfermeira/o vai traballar.
- Estender o réxime de prestación a máis de dous centros do mesmo distrito sanitario. Poderá ser no mesmo día?
- Cubrir os PACs con contrato de gardas e non con contrato de xornada ordinaria. Isto supón que con esta modalidade as/os enfermeiras que asinen este vínculo non cobrarán as retribucións de atención continuada: noites e festivos.
- E o peor, con este acordo as futuras prazas estables (interinidades e OPE) que se creen na categoría poderán ser coas condicións de prestación de servizos recollidas nel.
Diante disto, a CIG-Saúde exixe a convocatoria urxente dunha Mesa Sectorial para abordar a precariedade laboral no SERGAS e que se adopten as medidas necesarias para rematar coa mesma creando prazas estables. Ademais demanda, para poder incrementar o número de prazas, que se poña fin á taxa de reposición.
Xunto a isto exixe que se cubran as ausencias das/os titulares e non a súa carteleira, para eliminar aos contratos por días e por horas porque entende que “o único que provocan é que o persoal non teña dereito ao goce das súas libranzas”.