CIG-Saúde non avalará coa súa presenza na entrega das Medallas de Galiza a política de recortes e precarización da Xunta
A CIG-SAÚDE congratúlase co feito de que o persoal da sanidade pública reciba a Medalla de Galiza, xa que estas representan o agradecemento público á prestación de servizo, non só durante a pandemia de Covid-19, senón o resto dos 365 días de todos os anos.
Ao tempo, sinalan, o persoal da sanidade tamén quere agradecer o comportamento da sociedade galega, e lamenta non poder ofrecer unha asistencia "máis en consonancia coas necesidades sanitarias da poboación. Mais queremos que a sociedade saiba que as e os profesionais poñen todo o seu esforzo e traballo para intentar minimizar os recortes que o Goberno fai na sanidade pública".
A CIG-Saúde reitera os parabéns a todas e todos os profesionais, pero aclara que esta organización sindical rexeita a invitación a participar no acto de entrega das medallas. "Non podemos participar nun acto dun Goberno que só practica políticas de xestos, co gallo dun maior beneficio político do presidente da Xunta, o Sr. Feixóo".
A Federación de Saúde da CIG non avalará coa súa participación neste acto as políticas de persoal que exerce a Xunta coas/os traballadoras/es da sanidade pública e que se traducen en:
- percibir unhas retribucións inferiores ao resto de empregadas e empregados públicos.
- un cadro de persoal recortado que sobrecarga o traballo das/os profesionais.
- a denegación continua dos permisos de conciliación familiar.
- contratacións en precario con alta taxa de eventualidade, etc.
"Sr Feixóo as Medallas de Galiza son o recoñecemento do pobo galego ao persoal da sanidade, non é o seu recoñecemento nin o do seu Goberno. Cando van devolver os dereitos laborais e retributivos ao persoal da sanidade?", inquire CIG-Saúde. "Agardamos que no acto da entrega de medallas faga un discurso institucional, sen utilizar ao persoal da sanidade no seu beneficio persoal".