CIG-Saúde non asina o acordo de ratios de persoal de Atención Primaria que si apoian CSIF, CCOO e UGT

O SERGAS pretende presentar como un gran acordo “máis de 300 prazas” para toda Galiza, unha cifra claramente insuficiente para 15 categorías e catro anos de aplicación
Nacional - 30 Set 2026

CIG-Saúde votou en contra do acordo sobre a “Planificación Asistencial de Recursos Humanos en Atención Primaria” presentado polo SERGAS na Mesa Sectorial e apoiado por CSIF, CCOO e UGT. Considera que “é un insulto para as traballadoras e traballadores da Atención Primaria, que levan anos soportando sobrecarga, falta de persoal e unha deterioración continuada das súas condicións de traballo mentres a Administración segue sen poñer enriba da mesa unha planificación á altura das necesidades reais”.

A cifra avanzada polo propio SERGAS deixa en evidencia a escasa dimensión da proposta e resulta aínda máis insuficiente cando se analiza o que xa está comprometido. Dentro desas “máis de 300 prazas”, o SERGAS xa anunciou 22 novas prazas de Psicoloxía Clínica, 28 de Podoloxía, 8 de Dietética-Nutrición e 20 de técnicos/as de saúde. Son xa 78 prazas comprometidas. “Que queda, daquela, para reforzar o resto das categorías da Atención Primaria durante os próximos catro anos?”, pregúntase.

Denuncia que, malia iso, o SERGAS segue ocultando os datos reais: “non concreta cantas prazas corresponderán a cada categoría, como se distribuirán entre as áreas sanitarias nin en que anualidade se crearán”. Unha falta de concreción que xa fora denunciada pola CIG-Saúde na reunión anterior.

Para o sindicato, pretender que se asine primeiro o acordo e que só despois se coñeza o persoal que realmente vai supoñer é “un cheque en branco inaceptable”.

A sobrecarga convertida en criterio para crear prazas

En Medicina de Familia e Pediatría, o acordo utiliza a sobrecarga asistencial como condición para crear novas prazas. En Medicina de Familia exíxese que, tras a incorporación do novo profesional, a ratio media siga por riba das 1.200 TIS e que o centro supere unha media anual de 36 consultas por profesional e día.

En Pediatría, a creación dunha praza queda condicionada a que, tras a incorporación dun novo profesional, a ratio media siga sendo superior ás 1.000 TIS por cota e a que o centro supere unha media anual de 30 consultas por profesional e día.

Para CIG-Saúde, non ten ningún sentido que, existindo xa límites de actividade acordados de 30 atencións diarias en Medicina de Familia e 25 en Pediatría, se esixa superar eses límites de maneira sostida para recoñecer que é necesaria unha nova praza. Isto non é planificación: é obrigar primeiro o persoal a asumir a sobrecarga e actuar só cando o problema xa está consolidado.

Nos PAC a situación é aínda máis grave. O SERGAS fixa unha sobredemanda sostida do 30 % como referencia para crear unha nova praza estrutural. Para CIG-Saúde, este criterio é inasumible, porque supón aceptar un incremento moi elevado da actividade diaria antes de considerar necesaria unha nova dotación. Por iso denuncia que “non se pode chamar planificación a esperar a que a presión asistencial alcance niveis inaceptables para empezar a crear persoal”.

Un acordo que non resolve os déficits históricos

A insuficiencia tamén é evidente no persoal de servizos xerais. O documento fixa un posto de PSX por cada seis axendas. Para CIG-Saúde, esta ratio nace xa claramente insuficiente, porque reduce a carga de traballo ao número de axendas e parece obviar toda a actividade administrativa asociada ao funcionamento dos centros, os distintos programas e todas as tarefas que este persoal realiza fóra das propias axendas.

O acordo recolle ademais como obxectivo chegar a unha ratio 1:1 de Enfermeira/o con Medicina de Familia e Pediatría. Pero as cifras anunciadas non cadran con ese compromiso. O acordo parece nacer xa incumprido. Se hai que reforzar quince categorías, corrixir os déficits acumulados e ao mesmo tempo acadar o 1:1 de Enfermaría, o volume global de prazas anunciado non permite ver como se vai facer realidade.

No resto das categorías, o SERGAS volve actuar coa mesma opacidade: oculta os datos de partida e non concreta cantas prazas vai crear en cada unha delas. Pero coñecido xa o volume total anunciado, a conclusión para CIG-Saúde é clara: non hai prazas suficientes para cumprir os propios compromisos do acordo e, ao mesmo tempo, corrixir os déficits históricos das diferentes categorías da Atención Primaria.

O problema xa non é só que o SERGAS oculte os números. É que os poucos números que dá demostran que este acordo nace curto e que non vai resolver a falta de persoal da Atención Primaria.

Para CIG-Saúde, este acordo retrata a política sanitaria do PP e do conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño: propostas cociñadas fóra da Mesa Sectorial, practicamente pechadas cando chegan á negociación e cunha prioridade clara polo aforro antes que polo reforzo real da Atención Primaria. Unha política que castiga o persoal, deteriora a asistencia e vai directamente en contra da saúde da poboación

CIG-Saúde non vai avalar que se chame planificación a administrar a escaseza. A Atención Primaria necesita persoal suficiente antes de chegar ao límite, non cando a sobrecarga xa se converteu na norma.